----

Escolas Católicas Galicia organiza as XVIII Xornadas de Normalización Lingüística e os Premios Irmán Reboiras

Escolas Católicas Galicia organiza a décimo oitava edición da súa Xornada de Normalización Lingüística, co obxectivo de intercambiar experiencias e recursos didácticos en galego entre o profesorado e os membros dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de Galicia. As sesións terán lugar o 18 de novembro de 2022, en horario de 9:30 h a 14:30 h, na sede do Consello da Cultura Galega. O prazo de inscrición remata o 16 de novembro.
Igual ca en edicións anteriores, no marco destas xornadas entregaranse os Premios Irmán Reboiras ás mellores iniciativas de fomento do galego, organizados tamén por Escolas Católicas Galicia, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e co patrocinio da editorial Rodeira-Edebé. A convocatoria está dirixida a todos os centros da rede de Escolas Católicas Galicia, que teñen de prazo para presentar as súas candidaturas ata o vindeiro 10 de novembro.