NOTICIA

----

O novo especial de Proxector compila vídeos que afondan no universo mariño

O novo especial de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), reúne unha ducia de recursos que permiten achegarse á vida, aos desafíos e aos misterios do mundo mariño. O especial chámase “Oceanografía e diversidade mariña” e súmase á celebración do XIII Día da Ciencia en Galego que organiza IGACIENCIA.

O último especial reúne materiais audiovisuais que permiten afondar na importancia da diversidade mariña. “Un 72 % da superficie do planeta está cuberta por auga salgada e, con todo, o océano continúa a ser un gran descoñecido para o ser humano. Tanto polo seu importante papel como regulador do clima como pola enorme biodiversidade que acubilla, cómpre tomarmos conciencia que da súa saúde depende directamente a nosa supervivencia como especie”, explica o especial.
Nesta escolma pódense ver vídeos como “O mar de noso”, difundido pola Fundación CETMAR - Centro Tecnolóxico do Mar, no que diferentes científicos e profesionais vinculados coa cultura marítima tratan de concienciarnos da importancia de coñecer o océano e o seu funcionamento, pois só a partir deste coñecemento poderemos traballar de xeito eficiente na súa protección e preservación. Ou tamén “Sabes todo o que temos no mar?”, que amosa, a partir de imaxes reais, a rica diversidade biolóxica e lingüística que agocha o noso fondo mariño, así coma os seus nomes en galego. Esta iniciativa foi realizada por Jaime Beiro Formoso, co asesoramento da divulgadora científica Bibiana García, ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022.

A cultura marítima está fondamente vinculada á identidade galega como pobo. O IGACIENCIA celebra neste mes o XIII Día da Ciencia en Galego, no que homenaxea a Evaristo Galois e Ángeles Alvariño. Esta última, cuxa biografía se pode consultar no Álbum de Galicia, dedicou a súa vida profesional á investigación mariña e converteuse na primeira muller en participar, en calidade de científica, nun barco británico de investigación oceanográfica.

O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do seu Centro de Documentación Sociolingüística (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o Consello da Cultura Galega acordou asumir tamén a custodia dos datos que foron compilados ao longo destes anos, que a partir de agora estarán ao dispor da cidadanía a través do noso sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que consideramos que poden ser empregados. A maiores, ofrecemos unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Podes acceder aos contidos a través da busca libre e/ou os diferentes despregables, que che permitirán filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.