----

Unha xornada analiza a narrativa cultural que xorde da nova diáspora

Narrativas da nova diáspora galega é o título da xornada que organiza o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) e que ten como obxectivo explorar as manifestacións artísticas (nomeadamente as literarias e audiovisuais) xurdidas arredor da vaga migratoria que se produciu a partir da crise económica de 2008. Os escritores Xesús Fraga e Anna R. Figueiredo participan neste encontro que contará coa presenza de destacados investigadores e investigadores de diferentes universidades europeas. A presidenta, Rosario Álvarez, inaugura mañá este encontro xunto coa súa coordinadora, María Alonso. A cita é presencial pero tamén se poderá seguir en directo a través das redes sociais da institución.

O encontro, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración, busca analizar as narrativas culturais producidas por membros da nova diáspora galega ou nas que se aborde este fenómeno migratorio. Conceptos como os de identidade, galeguidade, espazo, fogar, movemento ou dislocación estarán presentes no debate e servirán para profundar no modo en que as narrativas da nova diáspora galega representan, ou auto-representan, esta realidade. Así mesmo, haberá espazo para reflexionar sobre o que acontece fóra do circuíto convencional de distribución dos produtos culturais, onde están a emerxer prácticas artísticas e reivindicativas a través de novas plataformas.

O programa
Dolores Vilavedra será a encargada de inaugurar a sesión coa conferencia “A narrativa galega e as novas diásporas: claves de lectura e desafíos pendentes”. A continuación, David Miranda-Barreiro, da Bangor University, e Ana Garrido González, da Uniwersytet Warszawski, falarán sobre a diáspora ao Reino Unido e a ambos os lados da raia, respectivamente. A cita matinal concluirá cunha conversa entre Anna R. Figueiredo e Xesús Fraga.

Pola tarde, Antía Monteagudo (Universidade de Vigo) profundará no concepto de identidades híbridas, mentres que Helena González Fernández (Universitat de Barcelona) achegará unha lectura en clave feminista das figuras da migración. A sesión pecharase co relatorio “A (in)mobilidade feminina na cultura audiovisual diaspórica”, a cargo de Catherine Barbour, do Trinity College Dublin.

O Arquivo da Emigración Galega
Creado en 1992 pola Sección de Cultura Galega no Exterior do Consello da Cultura Galega, o Arquivo da Emigración Galega (AEG) é un centro de documentación e investigación que ten como fin a recuperación documental e gráfica do patrimonio cultural xerado polo colectivo emigrante galego. Entre as súas actividades recentes destaca a produción do especial Historias de ida e volta, un proxecto que busca dar a coñecer os documentos e materiais fotográficos que están no arquivo e que axuda a entender mellor o fenómeno migratorio. O AEG está coordinado por Xosé Manoel Núñez Seixas e ten como membros a Luís Domínguez Castro, Marcelino Xulio Fernández Santiago, Xesús Antón Fraga Sánchez, Begoña González Rey, María Alonso Alonso, Antía Pérez Caramés e Raúl Soutelo Vázquez.