----

Especialistas destacan a emerxencia da xeración da nova diáspora

Os bicos feridos de Ana R Figueiredo é a novela que inaugurou unha xeración na literatura galega. “Son a xeración da nova diáspora que se caracteriza pola importancia das voces femininas, pola idea de fracaso fronte a idea de liberdade e emancipación e a cuestión transxeracional e que agora está nun período de emerxencia” explica María Alonso, coordinadora da xornada “Narrrativas da nova diáspora galega” organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG). Durante un día especialistas de diferentes universidades abordaron as características desta nova xeración e as súas manifestacións na literatura, no audiovisual e no transmedia que se afasta con forza do estereotipo antigo da emigración. A presidenta, Rosario Álvarez, destacou a importancia deste encontro que forma parte das liñas de preocupación do CCG en atender ao que significa a emigración para a cultura galega.

“A imaxe que perviviu da emigración galega non se correspondía coa realidade, era a de mulleres reducidas á espera” explicou Helena González, da Universitat de Barcelona. Por iso, no seu relatorio “Lectura feminista das figuras indóciles da migración” reivindicou a necesidade de que a representación da diáspora galega teña en conta a diversidade real e recolla que se trata de mulleres activas e traballadoras. Ademais, falou da necesidade de usar conceptos exactos para definir a idea. “Gústame especialmente o concepto que emprega a socioloxía francesa de tránsfuga, de mulleres que están entre dúas culturas” engadiu. A xornada buscaba explorar as ficcións culturais que xurdiron nos últimos anos arredor da nova vaga migratoria galega cara ao exterior a partir da crise económica de 2008.

A literatura
Dolores Vilavedra, profesora da Universidade de Santiago, abriu os relatorios e partiu dunha reflexión sobre as novas diásporas para “analizar un tema que é clásico: a presenza da emigración na literatura galega”. No seu relatorio, e seguindo a liña apuntada por Amy Burge, chamou a atención sobre a necesidade de preguntármonos “por que a literatura nos debe falar da emigración”, unha cuestión sobre a que conclúe afirmando que “a literatura contribúe actualmente á creación colectiva dun relato que orienta a nosa comprensión deses fenómenos, pero que tamén orienta a praxe política”. Así mesmo, Vilavedra sinalou algúns dos desafíos e tarefas que esta literatura sobre o fenómeno migratorio ten pendentes. Entre eles, destacou “a necesidade de incorporar o tema do retorno ou, máis ben, dos retornos” e, sobre todo, “de superar o marco autobiográfico ou testemuñal”. “Faise preciso que escribamos sobre migración as que non marchamos”, subliñou.

A continuación, foi a quenda de David Miranda-Barreiro, da Bangor University, realizou un estudo de caso baseado na análise dun corpus de textos literarios e un ensaio sobre a emigración de mulleres novas ao Reino Unido despois da crise de 2008. Neste senso, apuntou que “se a finais dos anos 90 parecía que se revertera a imaxe estereotipada de Galicia como país exportador de emigrantes, a crise económica do 2008 supuxo o retorno da emigración cara ao exterior de xeito masivo”. Un dos aspectos sobre o que inciden especialmente os textos analizados por Miranda-Barerreiro é, como el mesmo apunta, o perfil da persoa migrante no Reino Unido, onde se albisca “unha maior proporción de persoas novas, mulleres e formadas na universidade que se senten obrigadas a marchar ao estranxeiro, pero que atopan alí un traballo precario que non se corresponde nin coa súa formación nin coas súas expectativas”.

Foi Ana Garrido, da Uniwersytet Warszawski, a que abriu o foco e defendeu na súa interpretación que se abrimos o foco cara Portugal, atoparemos tamén esas semellanzas. “Son tan grandes que se podería facer un estudo en conxunto” indicou. Hai unha loita consciente contra a representación clásica e tradicional. Afirmou que “as simboloxías, as metáforas que hai detrás, os problemas identitarios e, moi en concreto, a cuestión da representación da muller da emigración é moi paralela”. A idea de europeidade, a precariedade e o concepto de transmigrante, que Garrido González toma do ensaio de María Alonso Alonso, foron tamén cuestións arredor das que reflexionou a relatora.

O diálogo entre Ana R. Figueiredo (Os bicos feridos) e Xesús Fraga (Virtudes e misterios) serviu de punto de conexión de dúas novelas que marcaron a narrativa contemporánea desta nova xeración da nova diáspora. Están protagonizados por mulleres, Olivia e Virtudes, que permitiron aos seus autores afondar na idea da emigración, nas diferenzas da nova vaga migratoria que, segundo a coordinadora, agroma con forza pero que non atopou un acubillo no sector editorial.

O audiovisual e o transmedia
O relato no audiovisual chegou da man de Catherine Barbour, da Trinity College de Dublin, que partiu da obra da realizadora Adriana Páramo Pérez, da que proxectou fragmentos de “Illa Pedra” e Galicia Portobello” para falar do retorno da emigración, dos conflitos e das tensións que se producen entre o país de saída e o de retorno e como se plasma no mundo audiovisual. Na súa visión, é importante ver o como traslada o relato da mobilidade das mulleres e a relación entre os dous países.

Antía Monteagudo, da Universidade de Vigo, abordou as “Identidade híbridas: a intermedialidade na nova diáspora” na que deu as chaves para coñecer os relatos que se xeran da relación entre música, audiovisual, textos escritos que para ela ten tres ideas centrais: a fronteira, a precariedade e o híbrido. “As veces as palabras non chegan” afirmou para explicar que son persoas que abordan dous espazos, que ás veces teñen problemas lingüísticos que lle impiden acceder a postos de traballo para os que están cualificados, ou para atopar a palabra exacta para expresarse e acoden a outras linguaxes e esa hibridación tórnase necesaria para expresarse nese contexto entre dous mundos.