NOTICIA

----

A serie web Sophias amosa o pensamento de mulleres destacadas da historia da filosofía

Simone Weil, Simone de Beauvoir, Hannah Arendt, Judith Butler ou María Xosé Agra son algunhas das figuras que protagonizan Sophias, o último proxecto do Consello da Cultura Galega (CCG) que pretende reivindicar a importancia das filósofas e a vixencia do seu pensamento. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, presentou esta mañá no IES Politécnico de Vigo o proxecto que “inclúe dunha maneira moi especial a visión que as mulleres tiveron dentro da historia”. Euloxio Santos Leites, director do centro agradeceu a elección deste que ten case un século de historia formando profesionais con pensamento crítico. “Hoxe é un día de festa e de reivindicación histórica porque no Día Mundial da Filosofía traemos o pensamento das mulleres filósofas que foron esquecidas, invisibilizadas na historia do pensamento” apuntou Carme Adán, responsable deste proxecto elaborado por Cristina de la Torre e interpretada por María Roja e Marta Pérez. As actrices estiveron tamén presentes nun acto no que a filósofa María Xosé Agra ofreceu un relatorio sobre a importancia das mulleres na filosofía.

Sophias toma o seu nome do concepto grego de sofía, que significa sabedoría, para darlle resposta á demanda dun grupo de profesoras e profesores de Filosofía de dispor de contidos audiovisuais para introducir o pensamento das mulleres no ámbito escolar. O proxecto escolma autoras destacadas da historia do pensamento e céntrase nos temas de debate que abriron para contalos nun formato breve e nunha linguaxe audiovisual contemporánea. Pretenden ser mostra do seu xenio e capacidade para dialogar co contexto histórico e social, incluíndo o tema da exclusión das mulleres do espazo público e da creación de coñecementos. Cristina de la Torre é a responsable dos vídeos, que contaron con guión de Carme Adán, Iolanda Martínez, Manuel Torres, Jorge Álvarez, María del Toro, Celia Pereira, Zeltia Laya e África López Souto.

Sete capítulos
A serie web está protagonizada por Marta (interpretada por Marta Pérez) e María (María Roja), dúas compañeiras de traballo que, nos seus encontros, atopan sempre un motivo para filosofar coas ideas das mulleres que forman parte da historia do pensamento. O primeiro capítulo, titulado “Póker de sabias”, aborda as filósofas da época antiga e medieval, como Aspasia de Mileto, Safo de Lesbos, Hipatia ou Hildegarda de Bingen. O segundo, “Iluminadas”, afonda nas voces de Mary Wollstonecraft e Olympe de Gouges, invisibilizadas en favor de Rousseau ou Kant, referentes do Século das Luces. Elas reivindicaban que a muller fose tida en conta como suxeito social e incorporada en igualdade á nova orde social. O terceiro capítulo é “A filósofa do sacho” e céntrase na pensadora e activista Simone Weil, que, malia o seu falecemento cando tiña só 34 anos, deixou unha obra extensa e profunda marcada pola revisión do marxismo e a mística. Pensaba desde a palabra, pero tamén desde a acción, inspirada pola súas experiencias como obreira e membro da resistencia antifascista.

Simone de Beauvoir protagoniza o cuarto capítulo, “Movendo os marcos”, no que se propón unha reflexión sobre como vería a pensadora máis coñecida da historia os avances presentes en igualdade.

O quinto capítulo, “Hannah”, introduce o pensamento de Hannah Arendt, filósofa do século XX que reflexionou sobre a deriva social cara os totalitarismos.

Un xogo de capas narrativas e visuais con parada e fonda no Entroido galego é a proposta do capítulo sete, onde se repasan as ideas de Judith Butler respecto á identidade sexual e os tipos de violencia, temas que centran algúns dos seus traballos.

O proxecto tamén destina un capítulo, “Cancelo Agra”, a falar de María Xosé Agra, a muller máis importante da filosofía galega tanto polas achegas do seu pensamento, centrado na idea de xustiza e igualdade, como polo seu labor na documentación, investigación e divulgación dos movementos feministas e de diversidade de xénero en Galicia. A propia Agra estivo na presentación e ofreceu unha conferencia sobre a importancia das mulleres na historia da filosofía.
O proxecto preestreouse no marco do II Festival de Filosofía de Galicia, que se desenvolveu entre Santiago e Ourense a finais de outubro, e co que se buscaba achegar o pensamento dunha maneira lúdica e festiva. Ademais, poderanse ver tamén no Culturgal a vindeira semana.

As mulleres na historia da filosofía
No marco da presentación, a filosofa María Xosé Agra, ofreceu unha intervención na que se preguntou “Que somos as mulleres filósofas?”. Fixo un repaso a como a historia definiu ás filosofas e citou a Maria Zambrano que nos anos 30 respondeu a esta pregunta dicindo que “a filosofa era unha muller barbuda, unha herexía, unha curiosidade de circo”. A historia impuxo a figura do filósofo como unha figura eminentemente masculina, que se move entre a grandeza e a rareza, entre a admiración e o faime rir, representa todos os papeis extravagantes, fálase pouco da vida privada dos filósofos. “As mulleres sempre pensaron e reflexionaron en todas as épocas sobre elas mesmas, o sentido da vida e as grandes preocupacións”. E apuntou que este tipo de vídeos pretenden ser tamén a “historia dunha loita das mulleres polo seu recoñecemento porque as mulleres sempre pensaron”.