----

Varios números da revista Acción Española súmanse ao repertorio de prensa da emigración galega

O Repertorio de prensa da emigración, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega, suma 24 novos números da revista Acción Española, órgano oficial do Centro Gallego de México. Foi unha publicación creada para informar a colonia española residente en México sobre as diversas entidades de emigrantes españois que traballan a prol dos seus intereses. Conta con moitas noticias sobre a política e os políticos españois do momento, así como dos mexicanos.

«Llega un tiempo en que los cuerpos más solidos se descomponen, solo el ideal es incorruptible». É o texto que, xunto coa bandeira de España e xunto co escudo de Galicia e de Santander, aparece na portada da revista Acción Española. Revista fundada por Manuel Vidal Martínez quen foi o seu director e propietario. Nos números editados defínese como unha revista «dedicada a estrechar los lazos de España con los países Hispano-Americanos, y muy especialmente todo cuanto tienda a la fraternidad Hispano-mexicana». Foi creada pois, para informar a colonia española residente en México polo que conta con moitas noticias sobre a política e os políticos españois do momento, así como dos mexicanos. Tamén ten páxinas culturais e sociais, con información de todo o que acontece na capital e que poida ser de interese para os españois alí residentes. Hai numerosos artigos sobre toureiros e temas taurinos, moi populares no país azteca.

O repertorio de Prensa da Emigración incorpora 25 números de dúas 1924-27 e 1930, 1932 e 1934. Foi unha publicación de periodicidade irregular, que comeza tendo saída mensual, pero en 1925 convértese nuns meses en quincena para pasar en 1927 a ser bimensual. Escrita en castelán, tivo moita presenza gráfica, sobre todo nas páxinas de acontecemetos sociais, e tivo unha extensión variable, entre 20 e 48 páxinas, aínda que os números extraordinarios poden chegar a ter 98 páxinas.

No primeiro número aparece un decálogo de intencións da publicación. Entre elas destacan o desexo do equipo editorial en manter as raíces españolas da colectividade e da unión entre España e México: «procurar la defensa de los intereses españoles (...); establecer una campaña para la unidad de la colonia española en México aceptando todos los espíritus regionalistas, dentro de la Casa de España; establecer una oficina de información de la colonia; dedicar especial atención a los asuntos de la Beneficencia Española, procurando que todo compatriota sea socio de ella (...)».