NOTICIA

----

Unha xornada analiza a problemática actual da edición gráfica

A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este mércores, 23 de novembro, ás 17:00 horas, a xornada Edición gráfica. Nela, o artista visual Darío Urzay e o director da Agencia Pública Casa Natal Pablo Ruiz Picasso, da Colección del Museo Ruso e do Centro Pompidou do Concello de Málaga, José María Luna, analizarán a obra gráfica, a súa relación con outras dinámicas de expresión artística e os problemas que afronta na actualidade. A actividade está coordinada por Jesús Pastor Bravo e, malia ser presencial, tamén se poderá seguir en directo a través das redes sociais da institución.

A incursión da obra gráfica no mundo da estampaxe dixital, unida a outros factores tamén determinantes, provocou o peche de numerosos obradoiros de estampaxe ao longo da xeografía española. Ademais, esta situación ocasionou o abandono de múltiples técnicas tradicionais pola súa dificultade e tratamento, tanto no ámbito económico do coleccionismo como na súa distribución comercial. Entender cal é a situación actual da obra gráfica española e toda a súa problemática no contexto xeral do panorama artístico é o propósito chave desta xornada.

O programa
A cita comezará coa conferencia do artista visual Darío Urzay, que analizará e valorará a disertación entre a pintura e a obra múltiple, isto é, entre a obra múltiple como parte da obra única e a relación teórica e metafórica de ambos os mundos. A continuación, José María Luna, nun relatorio que leva por título “Unha mirada ao gravado e á obra gráfica en España nos últimos trinta anos”, achegará unha visión baseada na súa propia experiencia como parte importante da estampaxe española contemporánea. Durante a súa intervención tamén reflexionará sobre a cuestión de que a gráfica española transcendese o mero feito da gráfica expandida para instalarse en territorios da hibridación intensa. O encontro concluirá cunha mesa redonda moderada polo coordinador da actividade, Jesús Pastor.

A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e ten como membros a Paula Cabaleiro, Carmen Díaz, Miguel Fernández-Cid, Jesús Pastor, María Asunción Rodríguez, Luis Rosón, Ramón Rozas, Sofía Santos, Rosario Sarmiento, Manuel Vilariño e Lucila Yáñez. Entre outras das actividades que organiza periodicamente esta Sección destaca o ciclo Revisando a nosa arte, unha iniciativa que busca analizar e poñer en valor as obras dos artistas visuais máis representativos de comezos do século XX. Carlos Maside, Laxeiro, Maruja Mallo, Arturo Souto, Julia Minguillón ou María Antonia Dans foron algunhas das figuras analizadas ata o momento.