As entradas de Xosé Neira Vilas e Mariví Villaverde incorpóranse ao Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), inclúe a traxectoria do escritor e intelectual Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, Pontevedra, 1928 – 2015). Ademais, coincidindo co centenario do seu nacemento, incorpórase tamén a da escritora e activista pola memoria histórica Mariví Villaverde Otero (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, 1922 – Ribadumia, Pontevedra, 2017). A primeira das biografías é autoría de Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, mentres que a segunda está asinada pola escritora Marga do Val.

As dúas entradas do Álbum de Galicia que se incorporan esta semana son as de dúas persoas que desenvolveron unha longa traxectoria profesional e persoal en América pero que regresaron e implicáronse na vida social e cultural do país. Xosé Neira Vilas, nado en 1928 no seo dunha familia labrega, cunha infancia marcada pola precariedade económica e polos patróns sociais e culturais propios da comunidade rural galega de principios do século XX. Estas vivencias constituirán, co paso do tempo, a parte esencial da súa obra narrativa, coa que alcanzou “unha popularidade inédita no sistema literario galego contemporáneo, grazas, en moi boa medida, á mestría coa que nela se evocan e recrean os códigos, as cosmovisións e mesmo as fallas do mundo do campo da época”, tal e como subliña Valentín García Gómez, autor da entrada.

Durante a súa xuventude, Neira Vilas exerceu diversos oficios para contribuír á economía familiar e, en xaneiro de 1949, emigrou a Bos Aires. Porén, é na década de 1950 cando dá os primeiros pasos na militancia cultural e política ao participar na constitución das Mocedades Galeguistas (1953), das que sería posteriormente secretario xeral. Ademais, colaborou coas revistas Adiante e Opinión Gallega nos que se poden considerar “os primeiros traballos do incipiente intelectual e escritor como xornalista e publicista”, subliña Valentín García Gómez. En 1956, participou na organización do I Congreso da Emigración Galega. Alí, leu o poema Brindis. No xantar evocador do Banquete de Conxo e pronunciou a Ponencia a prol do encauzamento dos mozos emigrantes nas sociedás galegas de América, inaugurando así a “súa actividade como ensaísta sobre o feito migratorio galego, faceta esta á que máis tarde se dedicará con tesón”, tal e como recolle García Gómez.

En 1957 fundou coa súa muller, Anisia Miranda Fernández, o selo editorial Follas Novas, co que publicou en 1960 o seu primeiro libro, Dende lonxe, e en 1961 Memorias dun neno labrego. Malia que a edición desta obra tivo unha aceptable recepción, a popularidade que alcanzou posteriormente non deu comezo ata 1968, cando Ediciós do Castro elaborou unha segunda edición con ilustracións de Isaac Díaz Pardo e prólogo de Xesús Alonso Montero, que non tardou en esgotarse. Desde mediados da década de 1960 e ata os primeiros anos do século XXI, Neira Vilas continuou publicando o groso da súa obra literaria no seo da editorial sadense.

No ano 1961 trasladouse a Cuba, onde, tras desempeñar varios postos na Administración non relacionados co ámbito da cultura, asumiu en 1984 o cargo de xefe de redacción da revista infantil Zunzún. Durante este período, que se estende ata comezos da década de 1990, centrou a súa actividade creativa na investigación sobre os procesos migratorios e a cultura galega na emigración, o que resultou en máis dunha decena de ensaios que sucederon á publicación do libro Castelao en Cuba (1983).

A partir de 1992 estableceuse na casa natal de Gres e, durante as décadas seguintes ata a data do seu falecemento, continuou dedicándose “sen descanso á creación literaria e ao activismo cultural, as dúas angueiras que lle serviran de motor vital desde os anos de mocidade na capital porteña”, como subliña Valentín García na súa entrada.

Mariví Villaverde
Nada en Vilagarcía de Arousa no ano 1922, María Victoria Villaverde Otero era a segunda filla de Rosina Otero e Elpidio Villaverde, un recoñecido home de negocios que se converteu no primeiro alcalde da II República e que, en 1936, foi elixido deputado por Pontevedra de Izquierda Republicana na candidatura da coalición Frente Popular. Porén, o golpe de Estado marcou a vida dunha familia cuxos membros foron duramente represaliados pola súa ideoloxía. Exiliados a Francia, lugares como Marsella, París, Bordeos, Orleáns ou Guéthary entraron no seu mapa vital, do que posteriormente formou parte tamén Bos Aires, a onde Mariví Villaverde emigrou con só 16 anos de idade.
En 1945, casou con Ramón de Valenzuela, ao que coñecera durante o exilio en Francia. Malia que nun principio a parella se instalou en Noalla, pronto se trasladou a Bos Aires. Alí, Mariví Villaverde traballou nunha fábrica de cintos, fixo traducións do francés, dedicouse ao corte e cosido de roupa e foi tamén axente comercial das cerámicas da Magdalena. Da man de Roberto Villanueva, comezou a facer teatro en galego, representando como actriz A camisa de Lauro Olmo ou O casamento do latoeiro de Synge. Ademais, con Arturo Cuadrado, dirixiu o xornal Galicia da Federación das Sociedades Galegas, onde asinou artigos baixo o nome de Mª V. Arealonga.
Nos anos sesenta, a complicada situación política que se estaba a vivir na Arxentina fai que o matrimonio decida marchar e asentarse en Madrid. Alí, Villaverde continuou traballando como axente comercial, aínda que nunca abandonou nin o francés nin a escrita. De feito, a versión de M. Kundera de El arte de la novela (1996) está asinada por María Victoria Villaverde mais por Fernando de Valenzuela, o seu fillo. En 1962, motivada polas ganas de escribir o que vivira no exilio, publicou na editorial Alborada de Bos Aires a súa obra Tres tiempos y la esperanza, que foi reeditada en Galicia no ano 1987 por Ediciós do Castro e en 2002 na colección Mulleres de A Nosa Terra.

Durante os seus últimos anos en Madrid, coidou a súa amizade con Inés Canosa, directora da Galería Sargadelos, e con Constanza Tobío e Henrique Albor, “novas xeracións coas que comparte esa cicatriz que levan na memoria”, tal e como subliña Marga do Val na entrada.