NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega amosa no Culturgal a súa liña de asesoría e divulgación

O Consello da Cultura Galega (CCG) acode á 15ª edición do Culturgal, que se celebra do 24 ao 27 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con dúas actividades relacionadas coas accións de asesoría e divulgación cultural que mantén a institución. A primeira terá lugar este venres coa proxección de Sophias, serie web para dar a coñecer, en clave galega, as figuras e temas de filósofas destacadas na historia do pensamento. A segunda será o sábado cando se explicará os informes e estudos realizados polo Observatorio da Cultura Galega.

Diversas empresas, profesionais e institucións reúnense anualmente no Culturgal, unha feira que busca favorecer a cooperación e o apoio entre as empresas culturais da nosa comunidade, así como poñer en contacto a artistas, creadores e compañías con profesionais da xestión cultural, programadores, empresas e institucións. Este ano, que cumpre a 15ª edición, o Consello da Cultura Galega participa nunha dobre xornada. O día 25 (17:30 horas) realizarase a presentación de Sophias, a cargo de Carme Adán, coordinadora do proxecto, e da directora Cristina de la Torre. Ademais da proxección, Carme Adán ofrecerá un faladoiro sobre a importancia das mulleres na historia do pensamento. O sábado 27 (19:50 horas), o director do Observatorio da Cultura Galega, Häkan Casares Berg, presentará os Barómetros que elabora este servizo, dependente do CCG, para dar a coñecer a situación que atravesan as empresas do sector cultural en Galicia.

A serie web Sophias
Sophias. Chiscadelas de pensamento e igualdade é un proxecto do CCG, desenvolto co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, para divulgar as ideas de mulleres filósofas destacadas na historia do pensamento. En forma de serie web, esta ficción divulgativa percorre as achegas de Simone Weil, Simone de Beauvoir, Hannah Arendt, Judith Butler ou da galega María Xosé Agra, entre outras, para reivindicar a súa importancia e destacar a vixencia do seu pensamento. A iniciativa foi unha proposta de Carme Adán e contou coas achegas de Celia Pereira Porto, África López Souto, Zeltia Laya, Iolanda Martínez, Manuel Torres, Jorge Álvarez e María del Toro. As pezas están dirixidas por Cristina de la Torre e protagonizadas polas actrices Marta Pérez e María Roja.

O proxecto preestreouse no marco do II Festival de Filosofía de Galicia, que se celebrou a principios do mes de outubro en Santiago de Compostela e Ourense, e presentouse de xeito oficial a pasada semana no IES Politécnico de Vigo, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Filosofía. A serie web ao completo está dispoñible na canle de YouTube da institución.

Os Barómetros do Observatorio da Cultura Galega
No ano 2020, o CCG promoveu, a través do Observatorio da Cultura Galega, a posta en marcha de traballos de investigación que explorasen a situación das empresas culturais galegas e avaliase o impacto da crise sanitaria neste sector. Os primeiros resultados publicáronse no mes de xullo de 2020 nun informe titulado Barómetro da cultura galega I e continuáronse actualizando nas edicións de marzo e outubro de 2021 e na de abril de 2022. Os informes completos están dispoñibles para a súa lectura e descarga no sitio web do Consello da Cultura Galega. Na xornada Hakan Casares explicará a metodoloxía e intercambiara opinión para que resulte to máis útil posible como ferramenta de análise e planificación.