NOTICIA

----

Especialistas destacan a modernidade do legado de Martín Sarmiento

Martín Sarmiento (1695-1772) foi un pioneiro en concibir Galicia como país, como conxunto. No 250º cabodano da súa morte, o Consello da Cultura Galega (CCG) afonda no seu legado cun simposio. Da man dunha serie de especialistas internacionais analizáronse os variados intereses e temáticas que o erudito abordou no seu texto máis destacado, a Obra de 660 pliegos, composta por cinco tomos. Ademais, no marco do simposio, Henrique Monteagudo presentou o primeiro volume desta obra (o segundo, o terceiro e o cuarto volume saíron do prelo hai varios anos e o quinto está en formato dixital) que axuda a completar un proxecto que permite poñer a disposición pública o pensamento dun dos pioneiros do galeguismo. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na inauguración que a institución prestou sempre gran atención sobre a extraordinaria figura de Sarmiento “que todo o merece”. O simposio remata este martes coa revisión das ciencias naturais na obra sarmentina.

Martin Sarmiento falou da educación dos nenos, do catastro, da configuración do mapa de España, das condicións que debían reunir os arquiveiros.... foi tan amplo e variado que ata no día de hoxe se recorre á súa obra. “Foi moi copiado e usado pero case nunca citado” asegurou Joaquín Álvarez Barrientos, profesor de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). “No século XIX comezou a recuperarse a súa obra en clave galeguista, pero a súa produción é tan grande e abrangue tantos ámbitos que Sarmiento é unha personaxe de talla internacional e comparable a outros eruditos europeos” asegurou o investigador. Álvarez Barrientos destacou ademais unha serie de calidades que o converten nunha figura única. “A modernidade de Martín Sarmiento, a súa intuición, o seu forte pensamento crítico e independente que mesmo nalgunhas ocasións se puido considerar un heterodoxo” afirmou.

Concepción Varela Orol, profesora honoraria de Biblioteconomía e Documentación da Universidade da Coruña, identificou a presenza de obras sarmentinas nas bibliotecas privadas para, deste modo, “avaliar a circulación dos libros de Sarmiento entre os coleccionistas e estudosos e tamén, en certa medida, no mercado do libro europeo”. Varela Orol destacou “a gran presenza da obra de Sarmiento” e a importancia que tivo, alén do campo literario, na epigrafía ou mesmo na historia da medicina. Respecto da súa transcendencia no eido literario, apuntou que “todas as historias da literatura española utilizaron os seus textos, pero tamén outras literaturas como a inglesa”.

Pola súa parte, o profesor, latinista e investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Xosé A. López Silva centrou a súa participación nas antigüidades e saberes clásicos na obra sarmentina. Nela, subliñou que “a visión de Sarmiento como estudoso das antigüidades materiais é un aspecto fundamental e transversal ao longo dos seus traballos, pero que debe estenderse a unha perspectiva textual para incluír nese ámbito, dun xeito moi beneditino, todos os estudos das fontes materiais e textuais canonizadas por Mabillon e os seus seguidores”.

A sesión matinal rematou coa intervención de Gonzalo Navaza Blanco, profesor titular da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, que analizou a figura de Sarmiento como o “fundador da toponomástica galega”. Neste senso, salientou a importancia que, a día de hoxe, ten aínda o intelectual “para os estudos de onomástica galega, non só polas explicacións e as etimoloxías que el ofrece, senón tamén porque é unha fonte fiel”.

Completada a edición da súa obra
No marco do simposio presentouse o primeiro volume da Obra de 660 pliegos un proxecto coordinado por Henrique Monteagudo que ten grande relevancia por varios motivos. “Primeiro por un criterio cuantitativo, xa que é unha parte central do seu legado, cinco dos dezasete -do XIII ao XVII- tomos da colección Medina Sidonia, que condensan toda a súa produción” afirmou. Son seis millóns e medios de caracteres que funcionaron a modo de “enciclopedia labiríntica”, nun compendio moi persoal do que o propio autor explicou eran “sacudimentos de mi mente”. Segundo, explica Monteagudo, en liña co apuntado por Joaquín Álvarez Barrientos, porque “ a súa obra estaba dispersa en citas, por fragmentos puntuais pero non dunha maneira global”.

O Proxecto Sarmiento tivo a súa xénese en 1995, no congreso que o Consello da Cultura Galega organizou para celebrar o tricentenario do nacemento do autor e no que se descobre que a Fundación Medina Sidonia conta cunha copia en bo estado de catro dos cinco volumes que compón o texto. O coordinador, Henrique Monteagudo, foi o encargado de convencer á duquesa de Medina Sidonia para a autorización da dixitalización e posterior reprodución do material.

Monteagudo explica que Sarmineto “comezou a escribila cando ten sesenta anos, xa de idade avanzada e con problemas de mobilidade, e nela falou de todos os asuntos que lle preocupaban”. O orixinal perdeuse e a copia da que a edición agora culminada volumes foi realizada por Pedro Alonso de Salanova y Guilarte que traballou directamente sobre o autógrafo con Sarmiento aínda vivo. Sospeitase que o título, Obra de 660 pliegos que trata de Historia Natural y de Todo Género de erudición foi obra do copista. O autor non seguiu un plan senón que, no seu típico estilo discursivo, foi tratando unha grande variedade de asuntos conforme lle acudían á punta da pluma, sen orde nin designio particular. De feito, ao final produciu unha especie de compendio da súa obra, onde volve sobre grande parte dos temas que tocara en escritos previos, repetindo, revisando e rectificando ¬ora resumindo ora ampliando¬ informacións e puntos de vista previamente expresados.

O primeiro volume contén tamén un estudo introdutorio a cargo de Henrique Monteagudo no que detalla os criterios seguidos na edición do proxecto.

O programa
O simposio remata martes cunha sesión de relatorios dedicada ás ciencias naturais. Nela participarán Francisco Díaz-Fierros Viqueira, catedrático xubilado de Edafoloxía e Química Agrícola da USC; Fran Saborido Rey, científico titular do CSIC no Instituto de Investigacións Mariñas, e Jesús Izco Sevillano, catedrático xubilado de Botánica da USC. Pechará a cita María Álvarez Lires, profesora xubilada de Didáctica das Ciencias Experimentais e membro do Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo, quen pronunciará a conferencia “Paradigmas e achegas da ‘chimica’ na obra de Sarmiento: unha ollada ás polémicas do seu tempo”.

Outras noticias que che poden interesar