----

O CCG conmemora o 250 cabodano de Martín Sarmiento

Co gallo da conmemoración do 250 cabodano de Martín Sarmiento (1695-1772), o Consello da Cultura Galega está a organizar diferentes iniciativas de homenaxe a este grande intelectual do século XVIII, precursor dos estudos galegos e do pensamento galeguista. Entre elas destaca a culminación da edición, en colaboración co CSIC, da súa obra maior De historia natural y todo género de erudición. Obra de 660 pliegos, que podes consultar íntegra no novo sitio web do Proxecto Sarmiento.

Outra das iniciativas, relacionada estreitamente coa anterior, é a celebración do simposio «Martín Sarmiento, De historia natural e de todo xénero de erudición», que xustamente estes días está a ter lugar na sede do CCCG e que podes seguir en directo a través da páxina web institucional ou da canle de Youtube.