NOTICIA

----

Unha xornada aborda en Melide a situación dos cruceiros góticos de Galicia

Dar a coñecer o conxunto de cruceiros góticos da nosa comunidade é o obxectivo desta xornada, que se celebrará este mércores, 30 de novembro, no Centro Sociocultural Mingos de Pita (Melide). Nela reuniranse diversos expertos, que analizarán a importancia que teñen estas xoias patrimoniais tanto no conxunto monumental da nosa terra como na mentalidade colectiva. A actividade está organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e conta coa colaboración do Museo da Terra de Melide e o apoio do Concello de Melide. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o alcalde de Melide, José Manuel Pérez Pena, inauguran esta cita que será gravada e posteriormente se incorporará á hemeroteca dixital da institución.

O conxunto de cruceiros góticos de Galicia está conformado por un total de dezanove exemplos documentados, dos cales o máis antigo se atopa na vila de Melide, segundo consideran os especialistas. A xornada Os cruceiros góticos de Galicia. A unha voz na metade do Reino buscará contribuír á posta en valor destes elementos patrimoniais, existentes antes das ideas contrarreformistas xurdidas en Trento, que logo fixeron proliferar a erección de cruceiros. Participarán no encontro Fernando Arribas, Clodio González Pérez, Xosé María Lema e Xurxo Broz Rodríguez.

O programa
A cita comezará coa conferencia de Fernando Arribas, quen achegará unha perspectiva xeral sobre os cruceiros góticos galegos. A continuación, Clodio González Pérez centrarase na análise do cruceiro do Home Santo de Santiago de Compostela, mentres que Xosé María Lema fará o propio co de Fisterra e o dos Santos ou de Cheis, localizado en Bamiro (Vimianzo). Pechará a xornada Xurxo Broz Rodríguez cun relatorio sobre o cruceiro de Melide.

O ciclo A unha voz na metade do Reino
Esta actividade estrea o ciclo forma parte do ciclo A unha voz na metade do Reino, que bota a andar neste 2022 da man do Consello da Cultura Galega, coa colaboración do Museo da Terra de Melide e o apoio do Concello de Melide. A iniciativa xurdiu do propio museo da vila melidense, que propuxo realizar unhas xornadas para fomentar e divulgar diversos aspectos culturais, históricos, artísticos e patrimoniais enmarcados na Baixa Idade Media e nos inicios da Idade Moderna, de interese para toda Galicia e nos que Melide, na súa centralidade, tivese certo protagonismo.

O ciclo toma o seu nome da obra colectiva A unha voz na metade do Reino. Cincocentos anos da Xunta de Melide, que xurdiu da conmemoración, o 4 de decembro de 2020, do quinto centenario da asemblea de cabaleiros prelados do Reino de Galicia reunidos en Melide para facerlle chegar unha serie de peticións ao monarca Carlos I en nome dos señores galegos. A obra, que se presentou nese mesmo lugar e data ao ano seguinte, está dispoñible para a súa lectura e descarga a través do catálogo de publicacións do Consello da Cultura Galega.