----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do filántropo Fernando Blanco de Lema

Fernando Blanco de Lema (Cee, A Coruña, 1796 - A Habana, Cuba, 1875) mudou a historia de Cee cando, tres días antes do seu falecemento, expresou a súa vontade de destinar o seu capital á fundación dun colexio de primeira e segunda ensinanza na súa vila natal. Este desexo traduciuse na construción do actual IES Fernando Blanco e da antiga Escola de Nenas, dous centros que foron o motor educativo e cultural de Cee naquela época. A súa biografía no Álbum de Galicia é autoría de Darío Areas Domínguez.

Nado en 1796, a infancia de Fernando Manuel Blanco de Lema estivo marcada pola morte do seu pai e polas vivencias do masacre que, o 13 de abril de 1809, cometeu o exército napoleónico contra os chamados defensores da Ponte Olveira, un grupo de veciños de distintas localidades da Costa da Morte que se xuntaron naquel lugar para evitar o avance das tropas francesas. Entre as vítimas atopábase o seu curmán e padriño, Fernando Blanco Giance, quen axudara e apoiara economicamente a familia tras a morte do seu proxenitor.

Emigrou a Cuba con tan só 13 anos e, tras traballar nunha tenda de ultramarinos, decidiu empregar os cartos que tiña aforrados para emprender no negocio da ferraxaría. Os beneficios que obtivo investiunos “en accións de distintas compañías e bancos cubanos e norteamericanos, o que lle proporcionou cuantiosos beneficios”, tal e como apunta Darío Areas Domínguez na entrada que asina no Álbum de Galicia.

Tres días antes de falecer, fixo un testamento no que deixou constancia da súa vontade de que todos os seus bens se destinasen a fundar, na súa vila natal, un colexio de primeira e segunda ensinanza de carácter gratuíto. Esa cláusula deu como resultado a construción do Instituto Fernando Blanco e a Escola de Nenas, inaugurados en 1886 e 1887, respectivamente. O primeiro, aínda en funcionamento na actualidade, converteuse nun dos centros educativos máis avanzados e importantes do país naquela época. Mentres, a antiga Escola de Nenas acolle, desde o ano 2001, a sede do Museo Fernando Blanco, onde está exposto parte do material didáctico e artístico adquirido a finais do século XIX para o colexio-instituto. Grazas a estes centros, “a veciñanza puido ter acceso a un ensino de altísima calidade e totalmente gratuíto que, de non ser polo amor infinito do fundador pola súa vila natal, sería unha verdadeira utopía”, conclúe Darío Areas Domínguez.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 600 entradas, das cales as máis recentes son as de Xosé Neira Vilas, Mariví Villaverde, María Luisa Nache e Luis Ksado.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.