----

Incorpóranse novos números ao Repertorio da prensa da emigración galega

O Repertorio da prensa da emigración galega agrega 19 novos números editados por diversas sociedades microterritoriais de emigrantes galegos en Arxentina. O Centro del Partido de Carballino, a Unión Residentes de Santiago de Compostela ou o Centro Recreativo del Partido de Becerreá son algunhas das entidades editoras das publicacións que se incorporan neste mes de decembro, entre as que se poden atopar números datados da década de 1940 e tamén algúns dos anos 30 e 50.

Dos 19 números incorporados ao Repertorio da prensa da emigración galega, catro deles corresponden á revista Becerreá, editada polo Centro Recreativo del Partido de Becerreá para divulgar as actividades da asociación, informar das novas e dar a coñecer algún aspecto histórico, xeográfico ou artístico característico deste concello ou de Galicia. As imaxes das actividades societarias, como bailes ou banquetes, xunto con fotografías de Galicia e Arxentina e outras da directiva ou dos socios meritorios ilustran esta publicación.

Ademais da anterior, a Revista Compostela, da Unión Residentes de Santiago de Compostela, achega outros catro números (do 6 ao 9), nos que se aprecia o obxectivo principal da publicación: informar aos socios da entidade editora sobre as actividades realizadas. Conta tamén con numerosos artigos sobre figuras relevantes da cultura galega, como Castelao, e coas colaboracións literarias de Arturo Souto, Avelino Díaz, Leandro Pita Romero, Ramón Rey Baltar etc. Os textos de carácter cultural forman parte esencial doutra das revistas editada, neste caso, polo Centro Santiago de Compostela Mutual y Cultural, que a través da súa publicación Compostela difundía a vida interna da institución e as actividades realizadas polos emigrantes galegos en Arxentina.

Pola súa banda, tanto as revistas Padrón (editada por Hijos del Partido Judicial de Padrón de Buenos Aires) coma Negreira (do Centro Unión Hijos del Partido de Negreira) foron creadas para informar aos socios das actividades realizadas pola entidade. Ademais, recollían novas da actualidade social e cultural galega, achegaban a historia do concello e publicaban artigos e textos literarios ou mesmo poemas.

O labor informativo arredor das actividades societarias e sobre algún aspecto destacado dos seus concellos e a bisbarra centrou tamén a actividade das revistas Centro Redondela y distrito, Vida carnotana, Carral ou Portas. Esta última, editada para conmemorar o aniversario fundacional da Sociedad Residentes del Ayuntamiento de Portas y sus Contornos, publicou tamén varios artigos sobre persoeiros da cultura galega, como Domingo Faustino ou Domingo Fontán.

Completan os números incorporados ao Repertorio da prensa da emigración galega un da revista O Arenteiro, na que destacan as colaboracións que nela fixeron Jesús Bal y Gay, Julio Dantas, Francisco Añón, Salvador Cabeza de León etc. Entre as súas ilustracións conta con debuxos de Castelao e Maside, así como con imaxes e viñetas de Galicia e O Carballiño, fotografías de sociedade e unha galería infantil.