NOTICIA

----

O proxecto Roteiros achégase á Compostela de Antolín Faraldo

Antolín Faraldo foi a alma e a mente da Revolución de 1846. Murguía dixo del que foi “o primeiro e o mellor”, líder indiscutible que iniciou o camiño cara ao autogoberno. O proxecto Roteiros, iniciativa do Consello da Cultura Galega (CCG), pon na rede un novo itinerario polas rúas de Compostela a partir da figura de Antolín Faraldo, cando se cumpren 200 anos do seu nacemento. A selección de espazos e textos é do historiador Xurxo Martínez González e as imaxes, de Manuel Gago.

Do actual Hostal dos Reis Católicos, no que viviu coa súa familia, ata a Casa da Parra, onde estaba a imprenta de La Situación de Galicia, xornal en que escribiu como redactor político, o roteiro escolma unha decena de espazos que percorren a cidade de Santiago a través da biografía de Antolín Faraldo.

Outros lugares sinalados son a Facultade de Medicina, onde estudou, aínda que non chegou a licenciarse, ou San Martiño Pinario, sede da Academia Literaria, na que tamén tiveron un papel importante os seus irmáns José e Tiburcio. Unha das intervencións máis sinaladas de Antolín foi a titulada “Esclavas aún las mujeres, la filosofía del siglo XIX debe proclamar su emancipación”. Ademais, Faraldo e Neira de Mosquera eran os redactores de El Recreo Compostelano, que facía de voceiro da Academia. O destino quixo que fose aquí onde se entregase aos soldados do Ejército Libertador de Galicia o 24 de abril de 1846. Outro lugar sinalado é o número 10 da rúa do Vilar, onde se situaba o Café Grande. Foi nese espazo, no Nadal de 1845, onde se rexistrou un episodio político que se conta no roteiro. “O mesmo 25 de decembro os progresistas locais saíron de manifestación (no vocabulario de época, “paseo”) para celebrar a vitoria do liberal John Russell en Inglaterra. Esta “andaina civil” rematou no Café Grande cun acto presidido por Antonio Romero Ortiz (camarada de Faraldo en El Porvenir). Entre os oradores aparece o nome de Antolín Faraldo, quen pechou o acto felicitándose pola vitoria do liberalismo inglés. Os conservadores de Santiago denunciaron o acto. En xaneiro de 1846 Faraldo, canda outros amigos, foron requiridos polo xefe político da Coruña. Desta vez non houbo máis consecuencias. “Pero na primavera dese ano comezaría a revolución da cal foi instigador e dirixente Antolín Faraldo”, asegura Xurxo Martínez.

A imprenta da familia Compañel (praza da Azabachería), a rúa das Campás, o Cantón de San Bieito (hoxe praza de Cervantes) ou o Pazo de Fonseca son outros dos lugares referenciados no roteiro.

Sobre Antolín Faraldo
Antolín Faraldo naceu en Betanzos en 1822. Aos dez anos a familia trasládase a Compostela. Aquí residirá até a fin da revolución de 1846, isto é, o período da súa formación e madurez. Malia estudar Medicina, Faraldo axiña se incorporou á prensa. En pouco tempo converterase nun dos máis polémicos e activos propagandistas. O provincialismo e o progresismo (incluído o feminismo) guiarán a súa acción pública. Esta manifestouse a través da prensa, da Academia Literaria (da cal foi cofundador), da militancia política e da oratoria. Porque Faraldo, segundo as crónicas coetáneas, foi un vibrante tribuno. Co inicio da revolución de 1846 será nomeado secretario da Junta Superior del Gobierno de Galicia, mais en realidade exerceu como líder, malia a súa curta idade. A derrota, asinada co sangue dos Mártires de Carral, levouno ao exilio portugués. Tras pasar pola prisión en Peniche, residirá uns meses en Lisboa para regresar en 1847 so pena de “non residir en Galicia”. A partir de entón, sostendo o compromiso político co pobo galego, vivirá lonxe da terra. Primeiro en Pozoblanco (Córdoba), onde traballará no negocio de Vicente Manuel Cociña, e despois en Madrid. Na capital española será vítima da censura do Vaticano e do Goberno. Os últimos anos, xa como redactor de La Nación (órgano central do Partido Progresista), proseguiu co seu combate democrático. O último acto público no cal participou foi unha xornada a prol das familias galegas que padecían a fame de 1853. Por mor da doenza, trasladouse a Granada para recuperarse, pero alí atopou a morte. Nunca regresou á patria.

O proxecto Roteiros
En xaneiro de 2009 comezou a andar o proxecto Roteiros do Consello da Cultura Galega. Trátase dunha iniciativa que pretendía conciliar cultura letrada e novas tecnoloxías para difundir itinerarios culturais polo país. Comezaron con tres itinerarios dedicados a tres figuras clave do Rexurdimento: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal.

Desde entón o proxecto foi medrando e conta cunha trintena de propostas de itinerarios que seguen a vida e obra de figuras importantes da cultura galega, como Álvaro Cunqueiro ou Rosalía de Castro; percorren fenómenos importantes, como unha visita pola pegada da emigración en Ribadeo ou en Ares, así como unha volta polo legado do reinado de Afonso X no noso país ou pola cultura galega na Habana.