NOTICIA

----

Kathleen Nora March, coordinadora científica do Proxecto Seara, nomeada membro de honra da RAG

Kathleen Nora March (Rochester, Nova York, 1949) acaba de ser nomeada membro de honra da Real Academia Galega (RAG). É a coordinadora científica da Comisión técnica temporal para a elaboración do proxecto Seara, portal de tradución de poesía galega ao inglés do Consello da Cultura Galega (CCG), que en 2016 lle dedicou unha das xornadas do ciclo “De andainas e pioneiras”. Na súa traxectoria profesional foi unha figura moi destacada na contribución á proxección internacional das letras galegas tanto desde o seu posto como catedrática emérita de Español na University of Maine e responsable do Centro de Estudos Galegos de dita universidade desde onde desenvolveu investigacións sobre as letras galegas. Como polos seus traballos de tradución do galego ao inglés de autoras e autores de distintas xeracións. Foi tamén a primeira directora da Galician Studies Association (actual Asociación Internacional de Estudos Galegos).

Kathleen Nora March naceu en Rochester (NY) en 1949 e formouse como especialista en estudos hispánicos, latinoamericanos e portugueses; na actualidade é catedrática emérita de Español na University of Maine. En 1975 veu a Galiza para investigar sobre a poesía de Manuel Antonio e aquí quedou prendida, galega por elección. Logo virían estudos sobre Carvalho Calero, Castelao, Luz Pozo, Xohana Torres e tamén Rosalía, a quen nos ensinou a ler como a literata consciente que foi, en diálogo permanente co pensamento e coa literatura universal do seu tempo. Segundo a propia Kathleen, foi a lectura e análise de La hija del mar o que a inspirou para estudar, a partir de 1988, a sempre complexa intersección entre literatura, feminismo e nacionalismo en Galicia.

As súas traducións de Cunqueiro, Rosalía e Otero Pedrayo son outra faceta dun traballo académico imprescindíbel, que axudou á proxección da literatura galega no ámbito anglosaxón. Nos anos 80 fundou e presidiu a Galician Studies Association (a actual Asociación Internacional de Estudos Galegos), que se revelou como unha utilísima ferramenta para impulsar os estudos galegos na academia norteamericana e, posteriormente, no ámbito internacional.

Muller radicalmente comprometida coas súas ideas, a partir do ano 2000 — tras varias décadas de docencia universitaria — Kathleen March comezou a desenvolver nas aulas un método de ensino estruturado como un servizo aberto á comunidade, o que a levaría a traballar, xunto ao seu alumnado, en Honduras, desenvolvendo diversos proxecto sociais, culturais e pedagóxicos.
Sempre inqueda, é tamén doutora en Creación Literaria pola University of Maine dende 2002, e recentemente comezou a publicar, baixo o formato de libro de artista, as súas versións ao inglés de Las literatas e Lieders de Rosalía de Castro.

Nos últimos anos Kathleen Nora March está a recibir numerosos galardóns e recoñecementos polo seu labor, como o Premio da Cultura Galega no apartado de Proxección Exterior, que lle foi concedido en 2015.