NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega pon na rede a primeira gravación de Sindy, obra destacada de García-Picos

Sindy, A.31 o título da obra sinfónica de Carlos López García-Picos (Betanzos, 1992- Oleiros, 2009), músico sobranceiro e multifacético (compositor, director de corais, dinamizador cultural....) sempre comprometido coa causa galega. A estrea absoluta de Sindy tivo lugar o 8 de agosto de 1976 dentro dun concerto da Tempada Oficial do Teatro Colón, interpretado pola Orquestra Filarmónica de Bos Aires baixo a dirección de Mario Benzecry. A peza repousaba na Colección Pampillón do Arquivo Sonoro de Galicia que agora, como colofón dos actos de celebración do centenario do nacemento do músico, o Consello da Cultura galega (CCG) pon na rede cun estudo contextualizador a cargo de Javier Ares Espiño e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno.

“Sindy é unha peza destacada dentro do conxunto de creacións de García-Picos” aseguran Javier Ares Espiño e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno no texto que acompaña á gravación da obra. Con esta peza García-Picos, gañou o premio da Tribuna Nacional de Compositores 1979 (TRINAC), concurso organizado polos Encuentros Internacionales de Música Contemporánea coa colaboración de Ricordi Americana eo Consejo Argentino de la Música. A TRINAC é membro do Consejo Argentino de la Música (UNESCO-PARÍS) edo Consejo Latinoamericano de la Música. Sobre ela, o propio autor dixo que era “un día no campo” que recorda “o amencer co comezo do canto dos paxaros que pouco a pouco van engrosando ata que todos cantan con diferentes comportamentos nun bloque aleatorio que se repite dúas veces máis, pero con algunhas variantes e ao atardecer van desaparecendo coa noite ata os últimos cantos suaves. Sindy só contén unha pequena célula temática que anuncia a trompeta ao comezo da obra e durante a mesma desprázase alternativamente entre as familias orquestrais e é exposta polos violonchelos a modo de recapitulación”. A obra toma o nome de Sindy, o can que acompañaba a García Picos nos paseos polos bosques que lle permitiron compoñela.

Javier Ares e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno explican que a gravación de Sindy que está na rede repousaba no Fondo Pampillón que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia desde os anos noventa. “Está fixada no soporte de cinta de bobina aberta e inclúe a data do 12 de agosto de 1976; que entendemos que é incorrecta xa que non existe información da interpretación desta obra sinfónica nese día. A alta calidade do rexistro sonoro e o ámbito de concerto público no que se desenvolve lévannos, polo tanto, a pensar que se trata da interpretación de Sindy no día da súa estrea, o 8 de agosto de 1976 no Teatro Colón” aseguran.

Centenario García-Picos
Neste 2022 celebrouse o centenario do nacemento de García-Picos. Unha efeméride que o CCG encaixou dentro da atención especial ás contribucións á cultura galega realizadas no exilio, en consonancia coa figura elixida no Día das Letras Galegas. No marco desta efeméride tivo lugar en febreiro a xornada “Perspectivas atlánticas. Transculturación musical no século XX”. Nela abordouse a situación dos músicos galegos na emigración americana e presentouse a publicación “Obras para violín e violonchelo”, publicación que xunta unha parte importante do legado inédito do betanceiro. O volume foi editado por Joám Trillo con estudo introdutorio de María del Carmen Lorenzo Vizcaíno e Javier Ares Espiño no que explican que está “composto por 141 creacións, un amplo abano de obras sinfónicas, cuartetos, pezas pianísticas, para violonchelo e para diversas formacións camerísticas”. Ademais, describen que o corpus musical do compositor betanceiro se pode “dividir en tres grandes liñas segundo se trate de pezas orquestrais, obras para piano ou música de cámara”. A xornada pechou cun concerto de violonchelo e piano con obras de Carlos López García-Picos e a cargo da violonchelista Teresa Morales Diego e do pianista Javier Ares Espiño no que interepretaron “Canto elexíaco, A. 73 Homenaxe póstumo a Eduardo Blanco Amor” e a estrea absoluta de Bocetos sonoros, A. 105 “ao amigo e gran artista Isaac Díaz Pardo”.

Ademais, nese mesmo mes incorpouse a entrada de García-Picos no Ábum de Galicia. Asinada por Javier Ares, explica que tomou o seu nome artístico do segundo apelido do pai, que foi quen o introduciu na paixón pola música. Exiliados en Arxentina, Carlos López integrouse cedo nos círculos musicais e culturais da capital Aires. Acada unha bolsa de formación da Embaixada Cultural de Francia en Bos Aires coa que se traslada a París a completar a súa formación e, de paso, a contactar coa colectividade galega. Integrouse na Casa Galicia de París, onde participou na reorganización do seu coro.. unha mostra do seu carácter activo. Na entrada explícase que o centro da súa composición musical tivo lugar ao seu regreso a Galicia, onde atendeu a encargas da Orquestra Sinfónica de Galicia, composición de obras de cámara para grupos liderados polo clarinetista Jesús Villa-Rojo ou a participación nunha publicación de partituras do Curso Música en Compostela.

“O seu estilo, sempre vangardista, segue flutuando sen parar durante todos estes anos. Pero podemos observar algúns eixes nos feitos inspiradores da súa linguaxe musical: a Guerra Civil volven unha e outra vez á súa memoria, tamén están moi presentes as elexías a amigos finados, as homenaxes aos galeguistas de Bos Aires ou a natureza” explica Javier Ares na entrada.

Foi tamén, fundador e presidente da Asociación Galega de Compositores (AGC) e tamén membro fundador da Confederación Española de Asociaciones de Compositores Sinfónicos (CEACS).