----

Un libro aborda o papel de Galicia na Segunda Guerra Mundial

Entre o terceiro Reich e os aliados. Galicia e a Segunda Guerra Mundial é o último que o Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de sacar do prelo. Recolle os relatorios presentados e debatidos na xornada homónima que a institución acolleu nos días 13 e 14 de abril de 2021, no que un grupo de expertos e investigadores afondaron sobre o papel non neutral de Galicia no conflito bélico. A publicación, que conta con 500 exemplares impresos, xa pode descargarse desde o web do CCG.

Luis Domínguez Castro é o editor deste volume e asegura na introdución que “Galicia non foi allea ao enfrontamento”. A obra consta de nove relatorios agrupados en tres seccións, que seguen a estrutura das xornadas. A primeira das seccións, versa sobre A Galicia do Eixe, é dicir, sobre aqueles aspectos que foron unha contribución ao esforzo bélico do III Reich. Desfilan os traballadores e traballadoras forzadas e voluntarias que alimentaron a máquina de guerra nazi; o papel desempeñado na conflagración pola destacada colonia alemá en Vigo; os galegos da División Azul coas súas experiencias de combatentes, as súas motivacións e a súa extracción social e ideolóxica, así como a febre do volframio, nunha Galicia que concentrou o 29 % da produción hispana. Antonio Muñoz Sánchez, Antonio Giráldez Lomba, Xosé M. Núñez Seixas e Joan Maria Thomàs son os autores dos relatorios.

A segunda sección, Galicia e os aliados, analiza as facetas que contribuíron a favorecer os intereses aliados. José Ramón Rodríguez Lago, Emilio Grandío Seoane e Ramón Villares asinan os artigos que estudan a conivencia das redes norteamericanas e vaticanas para impedir a influencia nazi na Península; o labor dos servizos de información británicos en Galicia, como posible escenario dun desembarco aliado antes da invasión de Normandía, e finalmente faise unha aproximación á figura de Augusto Assía, rara avis de correspondente anglófilo.

A terceira sección repara, da man do propio Luis Domínguez e de Dolores Vilavedra, na pegada cultural da Segunda Guerra Mundial en Galicia, tanto de maneira directa, a través do seu eco na literatura, como de maneira indirecta, a través da súa ausencia na tentativa de crear a Unión Cultural dos países da Europa Occidental, no exilio londiniense de 1942.