----

A programación do 40 aniversario propón unha reflexión e debate sobre a cultura

Un gran ciclo de oito sesións no que participarán figuras como Remedios Zafra, José Luis Villacañas, Peter Kraus ou Josep Ramoneda; visibilización do fondo propio; apertura da institución á cidadanía e dous grandes actos conmemorativos son algunhas das actividades previstas para celebrar o 40 aniversario do Consello da Cultura Galega (CCG). “Queríamos que tivese un carácter festivo, pero tamén que convidase a unha reflexión sobre o papel da cultura e das institucións culturais”, explicou a presidenta, Rosario Álvarez, na presentación da programación. Xosé Manoel Núñez Seixas, vicepresidente e coordinador da comisión que deseñou a celebración da efeméride, insistiu no interese de “fomentar o debate”. As actividades foron ratificadas na sesión plenaria celebrada no serán deste xoves, que contou coa presenza do presidente de honra da institución, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela.
A programación do 40 aniversario propón unha reflexión e debate sobre a cultura

Rosario Álvarez apuntou que a celebración do 40 aniversario da institución se asenta en catro piares, que se engaden á programación habitual da institución. O primeiro deles busca pór en valor o legado construído pola institución nestas catro décadas de existencia. Desde o pasado 1 de xaneiro a través do web e das redes sociais do CCG iniciáronse proxectos de visibilización do fondo propio a partir de fotografías, conferencias e outros recursos que permiten traer a memoria conferencias destacadas da traxectoria da institución.

A segunda das partes constitúe a cerna da programación pensada de xeito exclusivo e deseñada por unha comisión formada por Ramón Villares, Xosé Manoel Núñez Seixas, Dolores Vilavedra, Maria Xosé Porteiro, Rosa Aneiros e Marcelino Fernández. Núñez Seixas, coordinador desta comisión, explicou que se trata dun foro titulado Pensar o mundo dende Galicia. “O noso cometido foi escolmar unha serie de áreas temáticas nas que diferentes seccións e comisións do Consello da Cultura Galega veñen traballando desde hai décadas, que sintetizan as nosas preocupacións que están sobre cuestión candentes de actividade”, apuntou Núñez Seixas. Está formado por oito xornadas nas que participará unha corentena de figuras destacadas e que se se celebrarán entre marzo e novembro. Cada xornada segue a mesma estrutura e está pensada para que nas sesións matutinas haxa reflexións de carácter xeral e, nas vespertinas, debate e diálogo. Este foro pretende conectar cunha liña de pensamento e actuación que xa desenvolveron no pasado figuras da Xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos, que buscaron situar os grandes debates do mundo actual desde unha perspectiva galega.

O terceiro piar conforma a parte máis conmemorativa, que xira arredor de dous actos: un de carácter máis institucional, que terá lugar arredor do 8 de xullo, día en que se aprobou a Lei de creación da institución (Lei 8/1983), e outro máis festivo. Este último terá lugar en novembro e consiste nun concerto institucional que, en palabras da presidenta, xunta varios fíos: “A relevancia da Orquestra Sinfónica de Galicia; unha obra importante elaborada por Juan Durán, un dos grandes compositores da Galicia contemporánea, sobre textos de Ramón Cabanillas; e a dirección de Víctor Pablo Pérez. É un broche festivo para un ano dunha grande altura”.

O cuarto piar propón unha análise sobre a perspectiva futura e a propia institución. Consistirá nunha xornada no mes de novembro que servirá de peche da celebración e está coordinada por Ramón Villares.

Pensar o mundo dende Galicia
O Foro Pensar o mundo dende Galicia arrinca o vindeiro 9 de marzo cunha cita titulada “Información no mundo da posverdade: grandes relatos, pequenos relatos”. A proposta coordinada por Xosé López (Pol, Lugo, 1956) contará, entre outros, coa participación de Emili Prado, catedrático de Comunicación Audiovisual na Universidade Autónoma de Barcelona, e Remedios Zafra, escritora, ensaísta e científica do instituto de filosofía do CSIC. Esta cita servirá para analizar cuestións como a desinformación no mundo da posverdade.
No mes de abril terá lugar a cita “Humanismo e tecnoloxía”, coordinada por Carme García Mateo (Vigo, 1963), para afondar sobre a intelixencia artificial e os debates morais e a existencia de sesgos (xénero, idade...). En maio, Ramón Máiz coordina unha cita que afondará na “Calidade da democracia”. “O galego ante o desafío das sociedades multilingües” é a xornada do mes de maio e que coordina Dolores Vilavedra (Vigo, 1963). O último foro antes do verán é “Feminismos en movemento: retos de futuro”, coordinado por Carme Adán (San Sebastián, 1966).

Os tres foros que se celebrarán despois do verán son “Sustentabilidade ecolóxica” a cargo de María Loureiro (A Pontenova, 1972); “Territorio, patrimonio e identidade” da man Rebeca Blanco-Rotea (Santiago, 1973) e, por último, “Modelos para unha economía da cultura” coordinado por Xosé Carlos Arias (Lugo, 1954).