NOTICIA

----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Salvador Pérez Froiz

O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), suma hoxe a traxectoria de Salvador Pérez Froiz (Gondomar, 1956 – Oroso, 2011). O filólogo, que estivo vinculado durante toda a súa vida profesional á Televisión de Galicia (TVG), contribuíu a especializar os traballos dos servizos de asesoramento lingüístico da canle pública e a articular unha gramática de usos para os espazos deportivos da TVG. Asina a entrada Antón Dobao.

Nado en Gondomar no seo dunha familia de mestres, Salvador Pérez Froiz acompañou durante a súa infancia á súa nai, Otilia Froiz, aos lugares aos que era destinada: primeiro a Quindous (Os Ancares), despois a Toiriz (Vila de Cruces) e por último a Vilas, xa de volta en Gondomar. Apenas un mes antes de que Salvador fixese os dez anos, toda a familia se trasladou a Santiago de Compostela, cidade na que posteriormente cursou os seus estudos e na que desenvolveu toda a súa traxectoria profesional. Tras facer o bacharelato elemental e o superior, ingresou no ano 1974 na Facultade de Medicina, titulación que abandonou no curso 1981-1982. En 1984 deu o salto á filoloxía e, tras licenciarse no ano 1989, entrou cun contrato en prácticas na Televisión de Galicia. En 1992 pasou a ser traballador fixo do organismo ao superar o primeiro proceso de oposicións públicas convocado pola compañía de radiotelevisión pública galega.

“A incorporación de Salvador Pérez Froiz contribuíu a especializar o traballo dos servizos de asesoramento lingüístico da TVG” apunta Antón Dobao na súa entrada. Salvador comezou nos Servizos Informativos corrixindo textos ata que, a mediados dos anos noventa, pasou a encargarse do asesoramento lingüístico de toda a programación deportiva da TVG. Nese labor, ademais de revisar os textos, desenvolveu unha gramática de usos e unha estilística da lingua na que incluíu, entre outras cuestións, vocabulario específico, terminoloxía, normas de pronuncia, transliteración de antropónimos e denominacións de estadios e entidades deportivas. “O núcleo dese traballo, sistematizado polo propio Salvador, continúa hoxe instalado na intranet da TVG baixo o título xenérico de Lingua e deporte”, subliña Antón Dobao.

En 2007 naceu o Servizo de Normalización Lingüística da CRTVG, do que Pérez Froiz foi nomeado xefe e no que se ocupou de definir tarefas e posibles actuacións. Entre as súas propostas, destacou a da elaboración dun libro de estilo para a corporación, un proxecto que non foi máis alá dunha proposta inicial segundo indica Antón Dobao. Dous anos despois de ser creado, o servizo suprimiuse e Salvador foi destituído.

Ademais da súa actividade profesional na TVG, Pérez Froiz participou na creación da Sociedade Galega de Terminoloxía en 2004, da que foi vogal, e exerceu como lingüista na rodaxe da película A mariñeira (2007). En outubro de 2011 faleceu vítima dun cancro, mais, como conclúe Antón Dobao na súa entrada, “permanece a memoria do que foi, da persoa, do seu compromiso, da súa entrega, da súa enorme capacidade de traballo. E tamén toda unha obra, máis abundante en calidade e en efectos que en cantidade, resultado de máis de vinte anos de dedicación, imposible de medir”.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 600 entradas, das cales as máis recentes son as de Salvador Cabeza de León, Xesús Carro, Chichi Campos e Luís Rei.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.