----

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora 17 números da revista Eco de Galicia

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), suma 17 novos números da cabeceira Eco de Galicia. A publicación, editada pola Empresa de Publicidad Galiciana da Habana, incluía artigos informativos sobre as institucións galegas creadas en Cuba e tamén noticias sociais, artigos políticos e traballos históricos, xeográficos, económicos ou culturais, así como unha "páxina nazonalista". Os números que se incorporan neste mes de xaneiro pertencen a diversos exemplares publicados entre os anos 1918 e 1923, que foron depositados no AEG por Pilar Cagiao.

Fundada en 1917 por Manuel Fernández Doallo, a cabeceira Eco de Galicia estivo editada pola Empresa de Publicidad Galiciana na Habana (Cuba) ata o ano 1936, momento en que cesou a súa publicación. De temática variada, incluía entre os seus contidos numerosos artigos para informar da creación de institucións galegas na illa de Cuba. Ademais, contaba con algunhas seccións que tiveron continuidade na revista, como “Correo de Galicia”, na que se daba conta das principais novas do país agrupadas por provincias, ou “Vida de la Colonia”, a través da que se informaba das actividades lúdicas organizadas polas asociacións de emigrantes. José Lesta Meis tiña a súa propia sección, “De mi tierra”, na que escribía artigos sobre diversos temas. A revista incorporaba tamén poesías, noticias sociais, artigos políticos, biografías e bibliografías, traballos históricos, xeográficos económicos e culturais e mais unha “páxina nazonalista”.
As ilustracións eran abundantes e adoitaban amosar as paisaxes galegas ou algunha vila do país, monumentos e esculturas, así como fotografías das actividades lúdicas e dos eventos sociais organizados pola colectividade. A publicidade, que se concentraba nas primeiras e nas últimas páxinas da cabeceira, incluía anuncios de compañías institucionais e de navegación, así como de comercios, bancos e aseguradoras, moitos dos cales eran propiedade dos galegos asentados en Cuba.

A cabeceira comezou a súa andaina cunha publicación semanal, periodicidade que mantivo durante os dous primeiros anos. A partir dese momento, a actividade comezou a ser irregular, con números que se difundían semanal, quincenal ou mensualmente e mesmo con períodos temporais nos que só aparece un número, como no ano 1931, ou ningún, como en 1932. Os 17 exemplares que se incorporan ao Repertorio da prensa da emigración galega pertencen aos anos que van de 1918 a 1923.

O Repertorio da prensa da emigración galega
O Repertorio da prensa da emigración galega nace en 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra. O seu comitdo é difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que actualiza a día de hoxe o Arquivo da Emigración Galega (AEG). Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.