NOTICIA

----

O ciclo Revisando a nosa arte regresa cunha xornada sobre Guillermo Monroy

A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este martes, 24 de xaneiro (17:00 horas), no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, unha nova sesión do ciclo Revisando a nosa arte. Nela, Ramón Rozas, Ángel Cerviño, Menchu Lamas e Antón Patiño analizarán a traxectoria do pintor Guillermo Monroy, quen se consolidou como unha das figuras máis interesantes do grupo Atlántica cunha obra en que destaca a súa creatividade, a xeometrización do espazo, o manexo da cor ou a xestualidade enxerida sobre a superficie artística. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará esta sesión que non se poderá seguir en directo, pero será gravada e estará proximamente dispoñible na hemeroteca do CCG.

A de Guillermo Monroy é a primeira dunha serie de xornadas do ciclo Revisando a nosa arte dedicadas aos artistas que, no seo de Atlántica, conseguiron mudar boa parte da nosa plástica a comezos dos anos oitenta do pasado século. Inaugurará a cita o coordinador da xornada, Ramón Rozas, cun relatorio que leva por título “Atlántica e Monroy. De Matisse ás Cíes”. Nel, afondará no modo en que Atlántica fundou un novo ecosistema artístico en Galicia e en como, no seo dese grupo, Monroy foi quen de xerar unha linguaxe na que hibridaba a realidade local con propostas pictóricas propias doutras latitudes internacionais. A continuación intervirá Ángel Cerviño, quen pronunciará a conferencia “A vida pintada e a pintura vivida de Guillermo Monroy”. A sesión concluirá coa mesa redonda “Monroy, onte e hoxe”, na que acompañarán ao propio Cerviño dous dos compoñentes de Atlántica máis próximos ao pintor: Antón Patiño e Menchu Lamas.

A figura de Guillermo Monroy
Nado en Navia (Asturias) en 1954, Guillermo Monroy formou parte dende un primeiro momento da xénese de Atlántica, á que lle achegou tanto a súa conciencia plástica como o seu carácter dinámico e aglutinador. Foi precisamente ese espírito aglutinante de Monroy o que contribuíu a espallar entre os integrantes do colectivo o interese por propoñer unha nova estratexia con que cambiar o panorama artístico do momento e dar así resposta ás arelas de progreso e liberdade dos seus protagonistas. Da súa obra destaca a creatividade, a xestualidade enxerida sobre a superficie artística, a xeometrización do espazo e o manexo da cor, calidades que dotaron a súa pintura dunha radical frescura que aínda se mantén acesa a día de hoxe. A súa prematura morte en 1982, cando tiña só 28 anos, truncou a traxectoria de Monroy, que conseguiu deixar, con todo, un interesante e maduro proxecto persoal.

Revisando a nosa arte
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas puxo en marcha en marzo de 2022 Revisando a nosa arte, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX. Isto implica afondar no Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundou Arturo Souto, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, e que se enriqueceu nas décadas seguintes con novas poéticas e tendencias. Estas xornadas tratan de poñer en valor e reinterpretar as obras destes e doutros artistas, a súa produción e as súas traxectorias. O ciclo comezou cunha análise da figura de Carlos Maside e continuou coas de Laxeiro, Maruja Mallo, Arturo Souto, Julia Minguillón e María Antonia Dans.

Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e ten como membros a Paula Cabaleiro, Carmen Díaz, Miguel Fernández-Cid, Jesús Pastor, María Asunción Rodríguez, Luis Rosón, Ramón Rozas, Sofía Santos, Rosario Sarmiento, Manuel Vilariño e Lucila Yáñez.