NOTICIA

----

A biografía do músico Ricardo Courtier incorpórase ao Álbum de Galicia

Ricardo Courtier (A Coruña, 1863 - Ourense, 1922) foi pianista, director, folclorista e compositor de melodías que denotan, desde o título ata o seu carácter e estilo, un estreito vínculo coa música popular galega. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Beatriz Cancela Montes.

Nado na Coruña, Ricardo Courtier Burguero era descendente dunha familia dedicada profesionalmente á música. O seu avó, Juan Courtier, foi violín primeiro na capela de música da catedral, mentres que o seu pai, José, e o seu tío Hilario foron responsables do pulo que adquiriu a música nos ámbitos académico e civil xa non só en Santiago, senón en toda Galicia. Formado inicialmente no seo familiar, Ricardo Courtier pronto comezou a súa andadura pola Península ata que, finalmente, rematou a carreira de piano en Madrid. Porén, “se unha cidade é crucial no devir de Ricardo Courtier esta é Barcelona”, sinala Beatriz Cancela na entrada que asina no Álbum de Galicia.

Na Cidade Condal integrouse no orfeón La Euterpense Catalana, o que lle abriu un abano de posibilidades como membro e director de compañías de zarzuelas. Con elas percorreu toda España ata que, en 1888, se estableceu na Pobra de Trives (Ourense). “Courtier levou á vila a súa experiencia e mestría, converténdose en activo axente dinamizador”, apunta Beatriz Cancela, quen destaca o seu labor como organista da igrexa e pianista das veladas que se organizaban no casino. En 1889 fundou e dirixiu a banda de música da Pobra de Trives e, catro anos máis tarde, organizou o Orfeón Courtier con 40 mozos da localidade e un repertorio galego. Ademais, creou e compuxo obras para Os Trintas de Trives, cuarteto que acadou unha gran fama e que chegou mesmo a actuar no acto de proclamación real de Afonso XIII. Unha desas pezas, Blanca Negra, forma parte dos materiais que se poden consultar nesta entrada do Álbum de Galicia.

En 1910, Ricardo Courtier obtivo por oposición a praza de director da Banda Municipal de Ourense, na que, como subliña Beatriz Cancela, “será recordado pola fonda reestruturación que fixo na agrupación, que non pasaba polo seu mellor momento”. Nela, ademais de reorganizar o cadro de persoal, incidiu na necesidade de ordenar o arquivo musical, “facendo o inventario e incorporando arranxos, transcricións e obras de propia autoría, que levarán á agrupación a acadar destacados premios”, continúa Cancela. Así mesmo, participou como pianista no Club Orensano; deu concertos no Café Moderno como pianista acompañante e como solista; foi o director dun sexteto no Café La Unión, e dirixiu unha orquestra dedicada a solemnizar festividades relixiosas.

Con respecto á súa liña compositiva, destaca o estreito vínculo coa música popular galega e coa de salón. Os seus arranxos e obras dan conta do seu profundo coñecemento textural e nelas atópanse claras referencias á música tradicional, como se aprecia nas pezas Os noitébregos e Angelines ou na muiñeira Mimi Monchiña, que se poden escoitar na súa entrada do Álbum de Galicia. Porén, a reticencia de Courtier a publicar as súas partituras provocou que sexan poucas as obras que se recuperaron do seu corpus, aínda que grazas a aquelas manuscritas que se acharon durante os últimos anos pódese “evidenciar a relevancia que tivo o mestre na historia da música galega”, tal e como conclúe Beatriz Cancela.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 600 entradas, das cales as máis recentes son as de Salvador Pérez Froiz, Salvador Cabeza de León, Xesús Carro e Chichi Campos.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.