NOTICIA

----

A entrada de Manuel Murguía incorpórase ao Álbum de Galicia no centenario do seu pasamento

Este 1 de febreiro fanse cen anos do pasamento de Manuel Murguía (O Froxel, Arteixo, 1833 - A Coruña, 1923), figura destacada da cultura galega. A súa vida estivo “marcada pola militancia rexurdimentista, pola implicación no proxecto político-cultural que pretendía restituír a dignidade a Galicia para abrir un horizonte de liberdade”, afirma Xurxo Martínez González, autor da súa entrada no Álbum de Galicia, colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG). Alén da biografía do intelectual galeguista, tamén se poden consultar outros materiais, como as epístolas que recibiu da súa dona, Rosalía de Castro, e de Emilia Pardo Bazán, coa que mantivo unha longa inimizade. Tamén se poden consultar os artigos que escribiu en publicacións como El Museo Universal e La Oliva ou o discurso que pronunciou nos Xogos Florais de Tui en 1891.

Nado no Froxel (Arteixo), Manuel Martínez Murguía era fillo do boticario Juan Martínez e de Concepción Murguía. Cando era aínda un cativo, presenciou o falecemento dun soldado do Exército Libertador de Galicia que fora ferido de morte e levado ao interior da farmacia que rexentaba o seu pai. A vivencia deste acontecemento supuxo a inmediata adscrición de Murguía á causa nacionalista, unha tarefa á que “entregou a súa vida”, como subliña Xurxo Martínez na entrada.

En 1851 trasladouse a Madrid a estudar Farmacia e, malia non rematar nunca os estudos, a estadía na capital serviulle para atopar na escritura a súa vocación vital. Iniciou a súa andaina xornalística en cabeceiras de renome, como La Iberia, Semanario Pintoresco Español, Las Novedades ou El Museo Universal, e comezou a publicar por entregas as súas primeiras novelas, entre as que destacan Mi madre Antonia ou El ángel de la muerte. Posteriormente, entrou a formar parte como director cultural do xornal La Oliva, fundado en 1855 e dirixido por Juan Compañel. Ambos dotaron a cabeceira dunha clara liña provincialista e, tras cesar a súa actividade por orde do Goberno, puxeron en marcha El Miño. Todo por Galicia - Todo para Galicia. Nel publicou Murguía “uns breves tratados coas ideas base que pronto se alongarán para se converter nas súas primeiras grandes obras: Diccionario de escritores gallegos (1862) e Historia de Galicia (1865) ”, apunta Xurxo Martínez. Entre os documentos que se poden consultar nesta entrega atópanse dous dos artigos que Murguía escribiu en La Oliva e outro publicado en El Museo Universal.

Na década dos sesenta, Manuel Murguía centrouse en planificar o renacer nacional e fixar os obxectivos do Rexurdimento. “El detecta as necesidades da cultura galega, en particular da memoria histórica e da lingua”, afirma Xurxo Martínez. Por este motivo, impulsou a publicación da Gramática gallega de Saco y Arce, a historia literaria de Carré Aldao ou os primeiros estudos lexicográficos, así como as pescudas sobre a Revolución de 1846 e os Mártires de Carral de Tettamancy.

Trasladouse a Madrid a finais dos setenta para poñer en marcha o periódico La Ilustración Gallega y Asturiana (1879-1882) , entre cuxas páxinas se atopan “litografías, debuxos e información que retratan a intelectualidade máis comprometida con Galicia”, segundo explica Xurxo Martínez. Os diversos números que forman parte da publicación están dispoñibles para a súa consulta nos fondos do CCG.
Na traxectoria de Murguía foron sonadas as disputas que mantivo con Valentín Lamas Carvajal, Juan Sieiro, Jesús Muruais, Juan Valera, Bernardo Barreiro, Antonio Sánchez Moguel e, en especial, Emilia Pardo Bazán. Con ela forxou unha longa inimizade que comezou nunha velada celebrada en setembro de 1885 en memoria da recentemente falecida Rosalía de Castro, compañeira de vida de Murguía. Nela, Pardo Bazán debía pronunciar un discurso para loar a obra da escritora, mais optou por anatematizar a lingua galega, o rexionalismo político e o Rexurdimento. A epístola que recibiu da propia Emilia Pardo Bazán en 1894 e aquelas que lle escribiu a súa muller, Rosalía de Castro, figuran entre os materiais complementarios da entrada.

“A partir do discurso de Emilia, Murguía propúxose delimitar os obxectivos rexurdimentistas”, apúntase na entrada, na que se sinalan algunhas iniciativas levadas a cabo polo intelectual, como, por exemplo, o lanzamento de Los precursores (1886); o seu labor como director de La Región Gallega (1886) e La Patria Gallega (1891-1892) ou como presidente da Liga Gallega (1897-1907) ou da efémera Asociación Regionalista Gallega (1890-1892), e o discurso que deu nos Xogos Florais de Tui (1891) arredor da lingua galega, ao que se pode acceder na sección de documentación da súa biografía no Álbum de Galicia.

En 1906 foi electo presidente da Real Academia Galega, un posto que serviu para consolidalo como o referente da intelectualidade do país e dende o que puido observar “como unha nova xeración alza a voz en denuncia de certas contradicións entre o discurso-praxe dos rexionalistas”, subliña Xurxo Martínez. Da man desa xeración e, en concreto, dos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte, xurdiron as Irmandades da Fala, que fixaron “o idioma como signo intransixible da acción político-cultural fronte a unha Academia na cal o castelán era practicamente o único idioma”, continúa a entrada. Malia que a relación entre Murguía e as Irmandades da Fala foi, durante os anos compartidos (1916-1923), “escasa e distante”, tras o falecemento do intelectual, estas tributáronlle recoñecemento.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. O proxecto é tamén o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas que a institución viña mantendo sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.

A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 650 entradas, das cales as máis recentes son as de Ricardo Courtier, Salvador Pérez Froiz, Salvador Cabeza de León e Xesús Carro. As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas.