NOTICIA

----

A mostra Afonso X e Galicia e unha mesa redonda levan a cultura galega a Cracovia

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Instituto Cervantes realizan esta semana dúas actividades que pretenden dar a coñecer a nosa cultura na capital de Polonia e estreitar as relacións entre a cultura galega e a polaca: dunha banda, a exposición Afonso X e Galicia, que se inaugura este xoves coa presenza da presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e do comisario da mostra, Antoni Rossell; da outra, unha mesa redonda que se celebra mañá e que afonda na conexión entre a Galicia española e a Galicia polaca.

A exposición Afonso X e Galicia, proxecto expositivo organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, chega ao Instituto Cervantes de Cracovia (Polonia), onde poderá visitarse ata o 13 de abril de 2023. Ademais da inauguración, o comisario da exposición, Antoni Rossell, tamén ofrecerá unha conferencia títulada “Afonso X e a música”.

En marzo de 2022 a exposición inaugurouse no Palazzo Dell’Emiciclo (Consiglio Regionale dell Abruzzo) en L’Aquila (Italia) e marcou o inicio da itinerancia europea deste proxecto, que busca amosar unha faceta pouco coñecida do Rei Sabio. Ademais, convida a coñecer a súa influencia a través de documentos e testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval.

A mostra non segue un criterio cronolóxico, senón que ofrece un percorrido flexible e multidisciplinar con cinco bloques temáticos. A primeira das partes busca presentar a Afonso X na súa dimensión máis humana e a segunda está orientada a ofrecer a vida e os conflitos persoais do monarca. A continuación, preséntase o seu labor científico, histórico e cultural cunha recreación do seu obradoiro, onde o protagonismo recae nos manuscritos e nas miniaturas. Deseguido, o cuarto espazo está dedicado á música e os instrumentos medievais, coas distintas reproducións chegadas de diferentes lugares. A súa obra cimeira, as Cantigas de Santa María, está presente neste bloque cunha escolma que se presenta simultaneamente en seis pantallas. O último espazo está dedicado a ilustrar graficamente a sociedade medieval e a vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial.
A exposición ten diferentes niveis de lectura, xa que están instalados en toda a mostra diferentes códigos QR que remiten a un espazo web no que se aloxan textos recitados, música e outras informacións, ademais do catálogo virtual para enriquecer a visita. Entre os contidos complementarios destaca unha serie de entrevistas aos especialistas Henrique Monteagudo, Helena de Carlos, Francisco Prado-Vilar, Carlos Núñez, Elvira Fidalgo e Eduardo Cebreiros.

A mesa redonda
Na véspera da inauguración da mostra, na sede do Instituto Cervantes tamén se desenvolverá a mesa redonda “De Galicia a Galicja nunha hora”, na que participan a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a coordinadora do Centro de Estudos Galegos da Uniwersytet Jagielloński, Maria Filipowicz-Rudek, e a poeta Beatriz Herranz Angulo. Nesta actividade falarán sobre as conexións entre a Galicia española e a Galicia polaca, os seus sinais de identidade e o que as separa e as une, como a herdanza celta ou a experiencia da pobreza e da emigración, así como sobre elementos culturais converxentes, como as preferencias gastronómicas compartidas.