NOTICIA

----

A entrada de Pedro Brey incorpórase ao Álbum de Galicia

A docencia e a fotografía articuláronse como os dous piares fundamentais na vida de Pedro Brey (Rendo, Oca, A Estrada, 1889–1967), quen destacou cunha obra na que sobresaen tanto as súas fotografías de exteriores como os retratos que fixo da veciñanza estradense. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega, é autoría de Vítor Vaqueiro.

Nado en Rendo, Pedro Brey Guerra criouse nun fogar economicamente desafogado e cun notable ambiente cultural. Con 25 anos accedeu ao posto de mestre, labor ao que tamén se dedicara o seu proxenitor, e, tras superar con éxito un concurso aberto, escolleu como destino a escola de Arnois. Aos poucos meses foi elixido vogal da Asociación de Mestres, un cargo que continuou a ocupar tras a renovación da Xunta Directiva que tivo lugar en 1925. Catro anos máis tarde solicitou ser nomeado mestre da escola de Oca acolléndose ao dereito de consorte, mais non foi ata principios de 1930 cando conseguiu este posto de xeito definitivo.

En 1939, ante as sospeitas que o franquismo espallou sobre el, foi sinalado como unha “das 658 persoas pontevedresas pertencentes ao sector da docencia ás que se segue expediente de depuración pola chamada Comisión Depuradora do Maxisterio da provincia”, apunta Vítor Vaqueiro, unha causa que o Ministerio resolveu “de maneira favorábel para os intereses de Brey”. Ademais, foi unha das persoas que acompañaron a Castelao na súa ascensión ao Pico Sacro (1925). Como contrapunto, destaca o feito de que a súa ideoloxía relixiosa o levou a realizar doazóns para as obras do seminario, así como outras destinadas a repoñer os mobles da locutora de Rádio Clube Português Marisabel de la Torre, unha actuación promovida pola organización xuvenil de extrema dereita Juventudes de Acción Popular.

Con respecto á súa práctica fotográfica, atópanse poucas referencias escritas, mais é probable que o autor das vistas fotográficas que se tiraron durante a inauguración da escola da freguesía de Arnois no verán de 1926 fose o propio Pedro Brey, tal e como afirma Vítor Vaqueiro na súa entrada. “Coñécese, non obstante, con certeza, que ao ano seguinte, coincidindo coa construción dun centro de ensino na parroquia estradense do Castro, será Brey quen exerza os labores de fotógrafo”, continúa Vaqueiro, quen sinala que entre as fotografías que realizou se atopan algunhas dos nenos e nenas co mestre, da comisión que organizou o procedemento para a construción da escola ou do público asistente á inauguración, entre outras.

Na traxectoria da obra fotográfica de Brey poden constatarse dous grandes bloques: un primeiro conformado por aquelas fotografías de exteriores, sobre todo do concello da Estrada e arredores, e un segundo constituído polo exercicio do retrato. “Poderanse ver, no interior e no exterior do estudio, crianzas, mocidade, parellas idosas ou de mediana idade, grupos familiares ou escolares, músicos, actos relixiosos, actividades festeiras, imaxes que constitúen pegadas da emigración, tarefas agrícolas ou que proxectan o mundo do traballo preindustrial”, subliña Vítor Vaqueiro. Dentro do retrato, sobresae a súa fotografía post mortem, na que Brey optou por trasladar a persoa falecida ao exterior da casa para construír así “unha posta en escena na que os simulacros que no estudio imitan paisaxes naturais están substituídos por paisaxes verdadeiras”, explica Vaqueiro. Esa interconexión entre o estudio fotográfico e o exterior vaise manter na meirande parte da obra de Pedro Brey, na que tamén abunda a presenza de elementos vexetais, como pólas ou ramallos. Estas características poden apreciarse nas fotografías que acompañan a súa biografía no Álbum de Galicia.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 650 entradas, das cales as máis recentes son as de Manuel Gómez Román, Manuel Murguía e Ricardo Courtier, así como unha actualización da de Andrea López Chao.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.