NOTICIA

----

Dous dos capítulos das Sophias chegan a Allariz este sábado

“A filósofa do sacho” e “Cigarrón Butler” son dous dos capítulos do proxecto Sophias, co que o Consello da Cultura Galega (CCG) contribúe a divulgar o pensamento de mulleres destacadas da historia. Os dous proxectaranse este sábado en Allariz (Fundación Vicente Risco, 12:30 horas) nunha actividade na que participan Carme Adán, responsable do proxecto e directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), e Celia Pereira, presidenta da Fundación Risco e coordinadora da Sección de Pensamento do CCG. Tras a proxección haberá un coloquio co público.

A Fundación Vicente Risco acolle este sábado unha actividade que pretende afondar en dúas figuras destacadas da historia do pensamento: Simone Weil e Judith Butler. Para iso proxectaranse dous capítulos da serie web Sophias que se centran no pensamento destas mulleres. Un deles é “A filósofa do sacho”, que parte do legado da activista Simone Weil, quen, malia o seu falecemento cando tiña só 34 anos, deixou unha obra extensa e profunda marcada pola revisión do marxismo e a mística. Pensaba desde a palabra, pero tamén desde a acción, inspirada pola súas experiencias como obreira e membro da resistencia antifascista. O outro é “Cigarrón Butler”, no que un xogo de capas narrativas e visuais con parada no Entroido galego é a proposta deste capítulo, que repasa as ideas de Judith Butler respecto á identidade sexual e os tipos de violencia, temas que centran algúns dos seus traballos. Tras a proxección dos vídeos, Carme Adán e Celia Pereira manterán un diálogo co público.

As Sophias
Sophias toma o seu nome do concepto grego de sofía, que significa sabedoría, para darlle resposta á demanda dun grupo de profesoras e profesores de Filosofía para dispor de contidos audiovisuais cos que introducir o pensamento das mulleres no ámbito escolar. O proxecto escolma autoras destacadas da historia do pensamento e céntrase nos temas de debate que estas abriron para contalos nun formato breve e nunha linguaxe audiovisual contemporánea. Pretenden ser mostra do seu xenio e capacidade para dialogar co contexto histórico e social, incluído o tema da exclusión das mulleres do espazo público e da creación de coñecementos. Cristina de la Torre é a responsable dos vídeos, que contaron co guión de Carme Adán, Iolanda Martínez, Manuel Torres, Jorge Álvarez, María del Toro, Celia Pereira, Zeltia Laya e África López Souto.

Sete capítulos
A serie web está protagonizada por Marta (interpretada por Marta Pérez) e María (María Roja), dúas compañeiras de traballo que, nos seus encontros, atopan sempre un motivo para filosofar sobre as ideas das mulleres que forman parte da historia do pensamento. Alén dos capítulos proxectados, completan a serie outros cinco. O titulado “Póker de sabias” aborda as filósofas da época antiga e medieval, como Aspasia de Mileto, Safo de Lesbos, Hipatia ou Hildegarda de Bingen. Outro é “Iluminadas”, que afonda nas voces de Mary Wollstonecraft e Olympe de Gouges, invisibilizadas en favor de Rousseau ou Kant, referentes do Século das Luces. Elas reivindicaban que a muller fose tida en conta como suxeito social e incorporada en igualdade á nova orde social. O cuarto dos capítulos está centrado en Simone de Beauvoir. Chámase “Movendo os marcos” e propón unha reflexión sobre como vería a pensadora máis coñecida da historia os avances presentes en igualdade. No quinto, “Hannah”, introdúcese o pensamento de Hannah Arendt, filósofa do século XX que reflexionou sobre a deriva social cara aos totalitarismos.

O proxecto tamén destina un capítulo, “Cancelo Agra”, a falar de María Xosé Agra, a muller máis importante da filosofía galega tanto polas achegas do seu pensamento, centrado na idea de xustiza e igualdade, como polo seu labor na documentación, investigación e divulgación dos movementos feministas e de diversidade de xénero en Galicia. A propia Agra estivo na presentación e ofreceu unha conferencia sobre a importancia das mulleres na historia da filosofía.

O proxecto preestreouse no marco do II Festival de Filosofía de Galicia, que se desenvolveu entre Santiago e Ourense a finais de outubro e co que se buscaba achegar o pensamento dunha maneira lúdica e festiva. Desde entón desenvolvéronse varias presentacións encamiñadas a dar a coñecer este produto, que se pode ver completo no web do CCG.