NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega leva ao Serán dos Namorados de Toutón o proxecto Axudádeme a cantar

Este sábado celébrase unha nova edición do Serán dos Namorados, unha festa que ten lugar no concello de Mondariz arredor do 14 de febreiro e da que se fala no primeiro dos capítulos do proxecto do Consello da Cultura Galega (CCG) Axudádeme a cantar. Ata alí desprazaranse as tres responsables do audiovisual, Renée DePalma, Xulia Feixoo e Carme López, que manterán un coloquio co público tras a proxección (19:00 horas).

No primeiro capítulo da serie, que se vai proxectar en Mondariz, a tocadora tradicional Lucinda Barcia Garrido “do Peseto” e a súa filla Montse Alvariño expoñen a iniciativa de revitalización do Serán dos Namorados. Nel tamén amosan algúns cantos e toques típicos da zona, transmitidos de xeración en xeración desde a cociña e o salón. Cantan acompañadas coa pandeireta e co legón —unha ferramenta agrícola transformada en instrumento musical— e comparten as súas lembranzas como participantes nas festas de tempos pasados, interrompidas pola desaprobación institucional e polos cambiantes modos de socializar.


Seis capítulos
Axudádeme a cantar é un documental de seis capítulos que pretende poñer en valor o canto acompañado con percusión de man, unha forma de literatura oral tradicionalmente feminina que gozaba (e goza) dunha extensión e diversidade importantes no territorio galego. Neste documental de seis capítulos contamos coa colaboración de tocadoras tradicionais e de participantes en procesos de recollida e divulgación, así como de artistas modernas que beben das fontes desta tradición, que falan das súas experiencias e que comparten a súa arte connosco. Renée DePalma, Xulia Feixoo e Carme López son as responsables do proxecto, e a produción audiovisual correu a cargo de Alejandro Gándara e Olaia Tubío.

Alén do xa contado no primeiro capítulo sobre o pasado e presente do Serán dos Namorados, o segundo dos capítulos titúlase “A festa da pandeira: celebrando a recuperación dun instrumento”. Trasládase a Piornedo, na serra dos Ancares, para falar deste evento que desde o 2006 reúne tocadoras tradicionais con novas xeracións de músicos e público xeral. Dúas tocadoras tradicionais, Inés de Naipes e Amparo Voces, e dúas das impulsoras destes procesos de produción e reprodución artística, Isolina Rodríguez e Carolina Vázquez, cantan e comparten as súas experiencias.

Unha lata de pemento e unha pandeireta servíronlles a Sira Paz e Orestina Busto, tocadoras tradicionais de Liñares (Avión, Ourense), para contribuír á rica tradición oral e musical da zona. Protagonizan o terceiro episodio, “Pandeirada en Liñares: canto, identidade e emigración”, que introduce o efecto da emigración nas prácticas culturais da zona de Avión, onde moita xente emigrou, principalmente, a México. Outra tocadora, Rosalía Portos, nacida na diáspora, proporciona tamén a perspectiva do retorno.

“Historia da compilación musical nos grupos folclóricos” é o título do cuarto episodio, no que María Vidal (Pontevedra), Olga Kirk (A Coruña) e Xabi Iglesias (Lugo) contan as súas respectivas experiencias nas décadas dos oitenta e dos noventa, cando houbo un momento de fervedoiro na recollida.

O quinto episodio, “As novas raíces: resocializando o rural a través da música tradicional”, céntrase no traballo de dúas asociacións da Coruña (unha de Ordes e outra de Malpica de Bergantiños) que amosaron como a música de tradición oral serviu, e segue servindo, de ferramenta potente para fortalecer a identidade, o apego territorial e as relacións sociais da comunidade local.

Pecha a serie o capítulo “Das aldeas aos escenarios: a música de tradición oral no panorama musical galego”, que recolle o traballo pioneiro da histórica agrupación Leilía, que, con base nas súas propias recollidas, empezou unha longa traxectoria na que imbuíu estes materiais a través da súa interpretación. Canda elas, Anaïs Barbier, cantante e percusionista do grupo Caldo, e Alberto Cernadas, compositor de música electrónica, amosan estilos e visións diferentes e a multiplicidade de vías posibles para manter viva esta riqueza patrimonial.

Sección de Lingua, Literatura e Comunicación
Axudádeme a cantar é unha actividade proposta pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, unha área coordinada por Carmen García Mateo e que ten entre os seus membros a Burghard Baltrusch, Renée DePalma, Elisa Fernández Rei, Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo, Carlos Pereiro, Pablo Romero-Fresco, Eva Sánchez, Mercedes Queixas, María Ángeles Rodríguez e Nel Vidal.

Outras noticias que che poden interesar