NOTICIA

----

Regresan os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural cunha sesión sobre o patrimonio da Transición

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración co grupo de investigación Hispona da Universidade de Santiago de Compostela, organiza mañá, 14 de febreiro (10:30 horas), unha nova sesión do ciclo Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural. Baixo o título “Recuperando o patrimonio da Transición democrática”, búscase analizar e dar visibilidade a todo ese patrimonio cultural xerado durante o período histórico da Transición e consolidación democrática. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da Sección, Rebeca Blanco-Rotea, e o coordinador da xornada, Emilio Grandío, inauguran esta cita presencial, que tamén se poderá seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais da institución.

A dos anos setenta foi unha sociedade marcada polo cambio, que loitou pola súa representatividade, por facerse oír e por incidir nunha ágora pública da que estivera ausente durante as décadas da ditadura. Definir valores para que o diálogo e a deliberación pública chegasen primeiro á sociedade e, a continuación, se consolidasen era imprescindible para poder transitar cara á democracia. Foi este un proceso político complexo e pouco previsible, no que o marco institucional do Estado precisaba tamén procurar novas vías de actuación baseadas na tolerancia, a representatividade e a apertura de miras. Preservar este patrimonio cultural que representan os feitos cara á «normalización democrática» daqueles anos, que agora mesmo se conserva maioritariamente no recordo das persoas que os protagonizaron, e dar visibilidade a todo aquel esforzo colectivo é o obxectivo deste encontro.

O programa
A sesión da mañá comezará cunha conferencia titulada “Memoria e historia da Transición”, a cargo de Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e vicepresidente do CCG. A continuación, intervirá Antonio Rivera Blanco (Universidad del País Vasco) co relatorio “Normalizar a Transición: historiografía e política en tensión”.

A xornada da tarde contará coa presenza de Emilio Grandío Seoane, coordinador do grupo de investigación Hispona da Universidade de Santiago de Compostela, co que o CCG asinou un convenio de colaboración para a dixitalización, catalogación e divulgación da colección privada de Miguel Gutiérrez. Sobre este fondo, integrado por algúns materiais de propaganda política impresa (adhesivos ou carteis, entre outros) que foron empregados en Galicia durante o período da Transición, falará Emilio Grandío na súa conferencia “A publicística política cara á democracia: construír un arquivo da Transición. O Fondo Miguel Gutiérrez”. A sesión pecharase coa mesa de debate “Como recuperar e poñer en valor o patrimonio da Transición democrática?”, moderada pola xornalista Tamara Montero e na que participarán os deputados e deputadas do Parlamento de Galicia José Luís Ferro Iglesias (PPdeG), Mercedes Queixas Zas (BNG) e Noa Díaz Varela (PSdeG).

Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural
Este ciclo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, que se organiza con carácter periódico, ten como obxectivo analizar e caracterizar os bens patrimoniais, así como poñer o foco na formulación de tipos de protección deses bens e nas iniciativas postas en marcha para a súa divulgación e socialización. O Museo das Peregrinacións, o Camiño de Santiago, as fortificacións romanas ou as igrexas medievais centraron sesións anteriores do ciclo.

Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta cita insírese nunha das liñas de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, coa que se busca fomentar un debate entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor dos bens patrimoniais sobre os que se están a desenvolver actuacións. A Sección está coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e ten como membros a Nieves Amado, Carlos Amoedo, Rosa Benavides, Ana Estévez, Olimpia López, Daniel Lorenzo, Juan Monterroso, Teresa Nieto, Ángeles Penas, Francisco Xabier Redondo, Cristina Sánchez-Carretero, Iago Seara, Luisa Serrano e Hortensio Sobrado.