“Todo na vida ten a marca da cultura á que pertencemos e é inseparable desta”, apuntaba no seu inicio Pires de Lima, que partía de dous conceptos básicos: a multiplicidade de acepcións do que se entende como cultura e o feito de que todas as culturas están en movemento e transformación permanente. A partir de aí, artella un relatorio no que defende o papel vehicular e central da cultura para instar a unha estratexia que reforce o seu papel no mundo real.
Na súa intervención ofreceu datos da Comisión Europea sobre economía da cultura, que representaba á altura de 2003 na Europa dos 25 o 2,6 % do PIB europeo (5 % nos países máis desenvolvidos como Francia ou o Reino Unido, que contrastaba co 1,4 % cultura). En relación coa Axenda Europea da Cultura, a Estratexia de Lisboa e outras liñas de gobernanza, defende que cómpre entender que a cultura e a creatividade non son só motor de crecemento económico. “Importa instalar e desenvolver instrumentos de comunicación que permitan estimular redes de cooperación, incentivar medios de apoio ao reforzo de competencias e encoraxar e facilitar o emprendemento”, apunta.
Tamén dedicou tempo a falar da importancia do turismo cultural (5,5 % do PIB europeo que emprega a nove millóns de persoas), do patrimonio e da diplomacia cultural como elementos centrais nunha nova forma de entender a realidade. “En definitiva, é, polo tanto, de suma importancia desenvolver un enfoque novo e máis ambicioso do sector cultural, baseado en estratexias integradas e coordinadas que reforcen a súa conexión efectiva co mundo real. As políticas culturais están destinadas a gañar máis espazo e coherencia na gobernanza europea e os indicadores económicos, as estatísticas dispoñibles e as evidencias políticas apuntan nesa dirección”, explicou. Neste relatorio, con plena vixencia trece anos despois, animou a aproveitar para explorar as oportunidades en tempo de crise.
Sobre a autora
Cursou Filoloxía Románica (1974) na Facultade de Letras da Universidade do Porto, onde se doutorou en Literatura Portuguesa (1987) e desenvolveu a súa carreira de docente e investigadora. Tamén se dedicou á política. Foi deputada da Assembleia da República (1999-2009), na IX lexislatura representou a institución no Conselho Nacional de Educação e foi ministra da Cultura do XVII Governo Constitucional (de 2005 a 2008). É autora de cerca de cen títulos publicados en revistas e xornais na área da crítica e dos estudos literarios.
Especialista na obra do escritor Eça de Queirós (1845-1900), foi membro do Conselho Cultural da Fundação Eça de Queirós e responsable científica do Colóquio Internacional Eça de Queiroz – 150 Anos do Nascimento (Sintra/Fundação Eça de Queirós, 1995). En 2010 foi agraciada co título de grande oficial da Ordem do Infante D. Henrique. A finais de 2015 foi nomeada, xuntamente con José Pacheco Pereira, membro do Conselho de Administração da Fundação de Serralves polo ministro de Cultura e, en 2016, recibiu o título de profesora emérita da Universidade do Porto, onde quedou como responsable da promoción, nacional e internacional, das actividades do Centro de Estudos de Cultura Portuguesa.
Fondos dos 40 anos
O Consello da Cultura Galega cumpre en 2023 corenta anos. No marco das actividades deseñadas para celebrar a efeméride, hai unha liña encamiñada a visibilizar a historia da entidade neste tempo. Unha desas accións consiste en poñer na rede, con carácter mensual, unha conferencia relevante que se pronunciara no marco da súa actividade. A primeira das conferencias foi unha impartida por Nélida Piñón, “Galicia na miña obra”, coa que se inaugurou a actividade da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG.