NOTICIA

----

O Álbum de Galicia suma a biografía de Paz López Facal

A traxectoria da mestra Paz López Facal (Toba, Cee, A Coruña, 1938 - Vidán, Santiago de Compostela, 2020) incorpórase ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG). Muller comprometida co seu labor docente, puxo en práctica algunhas das teorías pedagóxicas máis modernizadoras e promoveu unha aprendizaxe de carácter experimental. Ademais, foi “activista na sociedade e na cultura que habita en favor da xustiza”, apunta Berta López Villamel. Ela é a autora da súa entrada no Álbum de Galicia.

Nada en Toba (Cee), Paz López Facal cursou os seus estudos en Lalín, de onde era orixinaria a súa familia por parte de nai, ata que rematou o bacharelato. Nese momento, trasladouse cos seus avós maternos a Santiago de Compostela para estudar Maxisterio na Escola Normal. En 1960 aprobou a oposición e tivo o seu primeiro destino provisional en Calo (Vimianzo) antes de conseguir o definitivo en Brión de Abaixo (O Cruceiro de Roo, Outes). A súa carreira proseguiu como educadora de ensino primario en escolas unitarias do rural galego, nas que desenvolveu un importante labor co alumnado ao achegarlle “á comunidade novos coñecementos, entre os que podemos contar a alfabetización, a hixiene, a alimentación, a loita polo progreso e a maneira de entender a cultura”, afirma Berta López Villamel na entrada que asina no Álbum de Galicia.

En 1969 comezou a súa andaina no Colexio Rosalía de Castro en Vigo, onde tivo que afrontar “unha difícil situación derivada da reclamación dunha parte do profesorado ante a conculcación dos dereitos laborais que atinxía, entre outras medidas, á duración da xornada laboral e os horarios de clase”, e que se saldou “co despido dun profesor e seis profesoras de distintas materias por parte da dirección”, explica López Facal. Tras o centro vigués, continuou a súa carreira profesional no ámbito da educación preescolar en colexios de Santiago e Teo, nos que puxo en práctica as modernas teorías pedagóxicas de Célestin Freinet, Paulo Freire ou Francesco Tonucci. A lingua galega e as súas variantes dialectais tiveron un papel singular nas súas ensinanzas, ao igual que o emprego de textos literarios infantís en diversos idiomas, que lle servían para enriquecer as actividades escolares e motivar o alumnado.

En 1970 acudiu á Escola de Mestres Rosa Sensat de Barcelona, un centro aberto á exploración das vías máis anovadoras da didáctica. Os seus modelos de reflexión e as súas propostas pedagóxicas foron as que motivaron a Paz a “afondar no coñecemento e exploración do medio no que está inserida a escola como recurso para unha aprendizaxe máis experimental”, apunta Berta López na súa entrada.
Ademais da súa práctica profesional como docente, Paz tamén se dedicou á escritura. Coa propia Berta López Villamel e con María Josefa Villar López conformou o Equipo Xirimbao, e entre as tres elaboraron varios textos escolares en galego para Edicións Xerais de Galicia entre os anos 1988 e 1992. En colaboración con María Josefa Villar, publicou en 1993 a unidade didáctica A auga. No eido literario, é a autora do relato breve “Tamén hai lobos tristes”, publicado na revista Grial, e dunha serie de cadernos que permanecen inéditos.

Entre os feitos que marcaron a vida de Paz López Facal atópase a detención do seu marido, Camilo Nogueira, nas mobilizacións obreiras que tiveron lugar en setembro de 1972 na cidade de Vigo. A raíz dese acontecemento, López Facal entrevistouse con autoridades e mesmo co bispo de Tui-Vigo para defender a liberdade dos presos e denunciar os argumentos baixo os cales os retiñan e os torturaban. “Isto deixoulle unha fonda pegada para toda a vida que a mantiña sempre alerta fronte á inxustiza”, subliña Berta López na súa biografía.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 650 entradas, das cales as máis recentes son as de Antonio Noriega Varela, Pedro Brey Guerra, Manuel Gómez Román e Manuel Murguía.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.