----

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora 18 números da revista Acción Gallega

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), completa a totalidade dos números que conforman a cabeceira Acción Gallega. A publicación, editada pola Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina, tiña como fin principal informar sobre a propia Federación e as sociedades que a integraban. Ademais, incluía artigos e comentarios para dar conta da situación en que se atopaban España e Galicia tras a Guerra Civil. Os 18 exemplares que se incorporan neste mes de febreiro supoñen o total dos números que publicou a cabeceira baixo o nome Acción Gallega durante o ano 1944.

A sociedade editora de Acción Gallega, a Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina, publicou con anterioridade a esta a cabeceira Galicia. Considerado como o voceiro oficial da sociedade no ano 1930, o xornal Galicia afrontou, na súa longa traxectoria, diferentes problemas de índole política e xurídica que motivaron aos seus dirixentes a cambiarlle o nome nun intento por eludilos. Así, en 1944 a Federación retomou unha antiga cabeceira e esta pasou a chamarse Acción Gallega. Malia diferir no nome, o xornal mantivo o seu ideario e a súa oposición á política franquista. Tras un breve período de catro meses, volveu editarse coa cabeceira Galicia.

Os 18 números que conforman Acción Gallega, publicados entre abril e xullo de 1944, amosan o interese que tiña a sociedade editora por informar sobre cuestións relacionadas coa propia Federación e as sociedades que a integraban. Ademais, incluía artigos e comentarios sobre a situación española e galega despois da Guerra Civil, noticias de Galicia e da colectividade emigrante, así como outros artigos literarios e de carácter cultural.

Entre as ilustracións, atópanse retratos de persoeiros da colectividade vinculados ideoloxicamente coa entidade editora e mesmo viñetas ou reproducións de debuxos e caricaturas. A cabeceira tamén inclúe, nalgún dos seus números, fotografías de edificios societarios e das cidades, vilas ou paisaxes galegas. En practicamente todas as páxinas poden verse anuncios comerciais e de negocios e outros nos que se publicitaban os actos festivos ou societarios das entidades que integraban a Federación.

O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.