NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega e a Cidade Autónoma de Bos Aires promoverán a cultura galega na capital arxentina

Preservar e difundir o legado cultural, histórico e artístico da colectividade galega de Bos Aires é un dos cometidos do protocolo de colaboración que acaban de asinar dixitalmente a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e Emmanuel Ferrario, vicepresidente primeiro da Lexislatura da Cidade Autónoma de Bos Aires. O convenio, resultado dunha relación bilateral mantida no tempo entre ambas entidades, posibilitará a realización de novas accións, entre as que destaca unha exposición que afonda na relación de Castelao con Arxentina.

O convenio asinado dixitalmente entre a presidenta do CCG e o vicepresidente primeiro da Lexislatura da Cidade Autónoma de Bos Aires permitirá desenvolver accións que contribúan a recoñecer os vínculos entre a cultura galega e a capital arxentina. Entre as actuacións previstas, destaca un proxecto expositivo encamiñado a visibilizar o vínculo entre Castelao e Arxentina. A mostra, que está comisariada por Xosé Manoel Núñez Seixas e Ruy Farías, conta coa colaboración do Centro Cultural da Embaixada de España en Bos Aires. O proxecto non ten data prevista, pero está en marcha un inventario exhaustivo da obra, así como dos obxectos e documentos vencellados a Castelao na Arxentina.

Outra das accións previstas é a recuperación do patrimonio documental e artístico galego en Bos Aires. Este proxecto, que ten como obxectivo a catalogación e inventariado do patrimonio, busca protexer, preservar e difundir esta riqueza pola importancia que ten para a historia e a cultura de Galicia. A iniciativa pretende que a emigración, o exilio e as novas diásporas ocupen o espazo que lles corresponde na constitución da cidadanía galega actual.

Outra das liñas de acción que se inclúe no marco deste convenio pretende darlle continuidade á exposición Materiais Seoane. Entre Galicia e Arxentina, que ambas entidades desenvolveron en 2022 no Museo Larreta da capital arxentina. A nova proposta busca achegar a obra muralística de Luís Seoane en Bos Aires a través dunha páxina web que facilite a visita virtual ás obras, cunha guía de materiais e mapas que se poderán descargar de balde.

A cidade de Bos Aires conta cunha trintena de murais e vitais do artista galego-arxentino Luís Seoane, un patrimonio artístico único no mundo que se desprega por diferentes espazos e que propón un circuíto artístico inesperado. O conxunto revela a centralidade artística do muralista nacido na Arxentina e criado en Galicia. A Universidade Nacional de San Martín (UNSAM) está a facer a día de hoxe un traballo de catalogación e documentación para visibilizar esas pezas e así evitar a súa desaparición.

Antecedentes

Aínda que é o primeiro convenio que asinan o Consello da Cultura Galega e a Lexislatura da Cidade Autónoma de Bos Aires, existe unha relación anterior. En 2022, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, foi nomeada pola Declaración 251/2022 “Huésped de Honor de la Ciudad Autónoma” en honra á súa extensa carreira académica e ao seu labor como presidenta do Consello da Cultura Galega. A deputada Cecilia Ferreiro foi a impulsora deste recoñecemento, no que participaron o ministro de Cultura, Enrique Avogadro; o delegado da Xunta de Galicia, Alejandro Dobarro, e o vicepresidente terceiro das lexislatura e presidente da Comisión de Cultura, o deputado Roy Cortina.