NOTICIA

----

Nace Caligrafías musicais que recupera conferencias sobre o eido musical galego

Rosalía de Castro foi unha irrepetible figura literaria, pero tiña tamén unhas calidades innatas para a música. Sobre esta faceta menos coñecida da autora de Follas novas fala outro erudito, Filgueira Valverde, na primeira entrega de Caligrafías musicais, o novo proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Cada dous meses rescataranse conferencias destacadas de prestixiosos estudosos do eido musical galego que permiten revalorizar compositores, estilos musicais ou instrumentos que forman parte da cultura musical do país.

Na primeira entrega de Caligrafías musicais o polígrafo Xosé Filgueira Valverde esmiuza os textos rosalianos para fixarse nos seus aspectos sonoros e musicais: sons da natureza, campás, cantos de paxaros, ritmos e acentos dos cantares populares…, ata chegar á Alborada popular de Rosalía de Castro. A intervención titulouse “Rosalía e a música”, foi presentada por Afonso Vázquez-Monxardín, tivo lugar en 1992 no Ateneo de Ourense e foi organizada polo Concello de Ourense. Na gravación Valverde destaca as calidades musicais inxénitas da poeta, que favorecen a súa formación musical autodidacta, a súa voz de contralto e a súa facilidade como intérprete de instrumentos.

Sobre o proxecto
O título do proxecto expresa a súa dobre intención. Por unha banda, ‘caligrafías’ significa tanto «a arte de escribir con boa letra» como «o conxunto de trazos que caracterizan a escritura dunha persoa ou escrito». Pola outra temos a música, obxectivo último desta iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia, que busca rescatar a erudición de prestixiosos estudosos do eido musical galego (Xosé Filgueira Valverde, Xosé López Calo…) e revalorizar compositores, estilos musicais ou instrumentos ⸺entre outros⸺ que forman parte da cultura musical de Galicia (Gaos, a zanfona etc.).

O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) abre deste xeito una nova liña de divulgación dos seus fondos inéditos. Terá periodicidade bimestral e ofrecerá as reflexións versadas de nomes como Xosé Filgueira Valverde, Xosé López Calo, Bautista Varela de Vega, Joám Trillo, Ramiro Cartelle, Carlos Villanueva, Javier Garbayo ou Manuel Balboa.

Cando se fala de patrimonio sonoro, asóciase decontado á música como eixe fundamental, en todos os seus diferentes estilos: popular ou culta, de calquera época, tradicional ou de autoría. Así, os fondos dos arquivos sonoros son maioritariamente musicais. Con todo, no caso dos fondos editados, a súa difusión sofre atrancos lexislativos que impiden unha difusión fluída.

Non obstante, no ASG, ao dispoñer dun amplo fondo de conferencias, pódese divulgar o noso patrimonio musical a través destes valiosos documentos sonoros inéditos.

O Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un dos arquivos do Consello da Cultura Galega e a súa liña de acción xira arredor da recuperación do patrimonio oral (tanto culto como tradicional) e musical galego. A recompilación, a preservación e a difusión son os tres eixes centrais da súa actividade. En canto á compilación, o ASG está permanentemente buscando gravacións sonoras (arquivo da palabra, gravacións etnográficas, rexistros etnomusicolóxicos, material radiofónico, músicas galegas —culta, tradicional, pop, rock…—) entre arquivos particulares e de institucións, colectivos e compañías discográficas. O seu traballo de preservación implica accións a varios niveis: por unha banda, a conservación do seu fondo sonoro en condicións óptimas de humidade e temperatura e, pola outra, a súa catalogación e dixitalización. En canto á difusión, iniciativas como a que hoxe se presenta contribúen a poñer á disposición do público o noso patrimonio sonoro.