NOTICIA

----

O foro Pensar o mundo dende Galicia comeza cunha xornada sobre a desinformación

Analizar o sistema comunicativo actual, o papel da información e os perigos da desinformación é o principal obxectivo da xornada “A información no mundo da posverdade”, a primeira das oito citas do foro Pensar o mundo dende Galicia co que o Consello da Cultura Galega (CCG) reflexiona sobre o papel presente e futuro da cultura no corenta aniversario da institución. Remedios Zafra (Zuheros, Córdoba, 1973) e Emili Prado (Cospeito, 1953) son as figuras que encabezan esta primeira sesión, que poñerá sobre a mesa a loita profesional e académica contra a desinformación. A xornada está coordinada por Xosé López, desenvolverase o 9 de marzo e ten aberta a inscrición.

A primeira das xornadas do foro está coordinada por Xosé López García, catedrático de Xornalismo, e buscará abordar a cuestión da información no mundo da posverdade. O seu obxectivo é reflexionar arredor do ecosistema comunicativo actual, o papel da información e as distorsións que provoca a desinformación. A xornada está organizada en dúas partes. Na sesión da mañá definirase a situación actual do sistema comunicativo, cos seus principais actores, e analizaranse as diferentes dimensións que introduce a posverdade como porta á reflexión da época actual. Este marco xeral teórico e conceptual chega da man de dúas figuras que recuncan no CCG: Emili Prado Pico, catedrático de Comunicación Audiovisual na Universitat Autònoma de Barcelona, que ofrecerá un relatorio titulado “O ecosistema comunicativo actual e a desinformación”; e Remedios Zafra Alcaraz, científica titular no Instituto de Filosofía do CSIC, que titula a súa intervención “A posverdade como porta á reflexión da época”.

Na sesión da tarde, a partir do debuxo e a análise descritos na sesión da mañá, poñeranse sobre a mesa algunhas das principais investigacións realizadas nos últimos anos arredor destas cuestións, así como as diferentes accións que se propoñen para combater a desinformación. A mesa, moderada por Xosé López, contará coa presenza de Clara González Tosat, doutora en Comunicación pola Universidad de Navarra e xestora do proxecto IBERIFIER; María Isabel Míguez González, profesora titular da Universidade de Vigo; Carlos Elías Pérez, catedrático de Periodismo na Universidad Carlos III de Madrid, e Xosé Rúas Araújo, profesor titular da Universidade de Vigo.

Foro Pensar o mundo dende Galicia
O Consello da Cultura Galega celebra neste 2023 corenta anos promovendo o debate, a pescuda e a creación arredor de diversos eidos do saber, mais tamén sobre cuestións que atinxen os problemas e inquedanzas da sociedade galega no pasado, no presente e no futuro. Este traballo concretouse nun amplo elenco de congresos, debates, xornadas, publicacións e informes. Recollendo o legado do feito na súa historia mais con proxección cara ao futuro, a institución propón un foro de reflexión arredor de cuestións candentes no mundo actual, estruturado en oito xornadas con periodicidade mensual (de marzo a novembro de 2023) nas que se abordarán temáticas moi presentes nas actividades da institución, como a posverdade na información, a economía da cultura, os desafíos para o humanismo das novas tecnoloxías, a calidade da democracia, os retos presentes e futuros do feminismo, o papel do galego nunha sociedade multicultural, a sustentabilidade da economía global e o papel do patrimonio e da paisaxe. Ao longo deste 2023, máis de corenta personalidades do mundo cultural, científico e académico galego, ibérico e mundial daranse cita en Santiago de Compostela para reflexionar, debater e profundar na interpretación dos desafíos desta terceira década do século XXI, con vontade interdisciplinaria e dialogante.

Con esta proposta o CCG pretende recoller a tradición iniciada hai máis dun século pola Xeración Nós e polo Seminario de Estudos Galegos, coa intención de aspirar a repensar o mundo e a sermos unha célula de universalidade.