Reflexionar sobre o que está a acontecer coas medidas desenvolvidas en materia de violencia de xénero e debater arredor de se estas son suficientes ou non e de se existe unha falta de vontade, de medios ou de recursos son os obxectivos principais desta cita. O encontro enmárcase dentro das xornadas de traballo anuais que o CCG, a través do seu Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, leva desenvolvendo desde 2017 para visibilizar diferentes aspectos da violencia de xénero. Despois de abordar temas vinculados coa violencia institucional e sexual, co patriarcado na xustiza ou co ciberacoso, esta edición propón revisar os avances conseguidos desde o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e os principais retos que cómpre abordar para avanzar nesta tarefa colectiva de loita contra as violencias machistas.
O programa
A cita comezará co relatorio “Pacto de Estado: cinco anos despois”, a cargo de María Ángeles Carmona Vergara, presidenta do Observatorio contra la Violencia Doméstica y de Género. A continuación, Patricia Faraldo, doutora en Dereito pola Universidade da Coruña, afondará nos aspectos penais da Lei do “Só si é si”. Presentarán ás conferenciantes as coordinadoras da xornada, Paz Filgueira e Carme Adán. A sesión matinal concluirá cun debate entre as convidadas e o público asistente.
Pola tarde, Inma López Silva moderará a mesa de relatorios “Violencia machista no ámbito xudicial”. Nela participarán Montse Fajardo, integrante do CDIF e autora de Invisibles; Ana López-Suevos, maxistrada do Xulgado de Instrución nº 1 de Santiago de Compostela, e a vicerreitora de Internacionalización da Universidade de Vigo, Maribel del Pozo Triviño.
O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
A xornada está organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, coordinado por Carme Adán Villamarín e que ten como membros a Luz Darriba, Montse Fajardo Pérez, Paz Filgueira Paz, Inmaculada López Silva, Cristina López Villar, Mariám Mariño Costales, Luzia Oca González, María Dolores Pereira Oliveira, Ana Belén Puñal Rama e Rexina Rodríguez Vega. Entre as súas actividades máis recentes, destaca a organización do ciclo Literarias todas, un espazo de reflexión entre escritoras, axentes do espazo literario galego e o público lector que tivo como convidadas, na última xornada realizada en setembro, a María Alonso Seisdedos, Fina Casalderrey e Ledicia Costas.