NOTICIA

----

O ciclo Olladas de muller amosa o audiovisual máis recente feito por mulleres

Atender á creación galega pero tamén a destacados traballos do cine español e internacional recente protagonizados e dirixidos por mulleres é o obxectivo do ciclo Olladas de muller, que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG), a través do seu Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), xunto coa Filmoteca de Galicia. A súa undécima edición comeza este venres, 3 de marzo, na Coruña. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez e Jacobo Sutil, director de Agadic, xunto coa directora do CDIF, Carme Adán, e a coordinadora do proxecto, Encarna Otero son os encargados de inaugurar este ciclo, que arrinca co documental de Nina Menkes Brainwashed, o cal aborda o abuso e a discriminación dos corpos femininos no cinema.

Arredor da data do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega (CCG) e a Filmoteca de Galicia volven xuntar os seus esforzos para centrarse na dobre liña de actuación de anos pasados: por un lado, visibilizar a creación vencellada a Galicia, con traballos que amosan a notable e plural nómina de nomes propios femininos, e, polo outro, divulgar unha serie de destacados traballos do cine estatal e internacional recente.

Nesta edición o programa estrutúrase en dez sesións, a maioría delas compostas por unha longametraxe xunto a unha curta de autoría galega. No marco deste ciclo poderase ver a autoficción da Premio Nobel de Literatura Annie Ernaux Les années Super 8, que dará paso aos efluvios da nouvelle vague en estado puro de La amiga de mi amiga, de Zaida Carmona. Con Karen, de María Pérez, hai unha aproximación a Isak Dinesen. Inclúese tamén o título La visita y un jardín secreto de Irene M. Borregoz. Outros dos temas abordados no ciclo son os abusos sexuais, en El techo amarillo de Isabel Coixet; o nacemento dun fillo, en Tempo comum de Susana Nobre, e o periplo carcerario de 981 Gau de Arantza Santesteban. Canda eles, veranse os últimos traballos de Sonia Méndez, Xisela Franco, María Ruído, Adriana Páramo, Rosario Sarmiento, Diana Toucedo, Carla Andrade, Alicia López, Cora Peña ou Lucía Estévez.

Ciclo de cinema
O ciclo Olladas de muller botou a andar en 2011 baixo o título «Creadoras galegas de imaxe», en colaboración coa Deputación de Lugo. Co tempo, foi abrindo novos camiños e sumando colaboradores que permitiron que o ciclo transitase por Santiago e Ferrol. Desde 2015 estableceuse unha vía estable de colaboración coa Filmoteca de Galicia (antes Centro Galego de Artes da Imaxe) e fixouse a realización do programa na súa sede na Coruña, aínda que tamén houbo proxeccións noutros espazos. Desde 2020 o programa enriqueceu o seu formato coa incorporación de proxeccións audiovisuais feitas na lusofonía.

Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
Este ciclo de cine enmárcase nas áreas de traballo do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), que está coordinado por Carme Adán e que conta con membros como Luz Darriba, Montse Fajardo, Paz Filgueira ou Ana Belén Puñal Rama, entre outras. O CDIF foi creado en 2019 como resultado do traballo desenvolvido pola Comisión de Igualdade desde o seu nacemento en 2005. Entre os seus obxectivos están visibilizar as mulleres e as súas producións e aplicar un enfoque feminista a todo o relativo á cultura e á realidade social vivida por mulleres e homes en Galicia, así como iniciar traballos que fagan posible que o CCG contribúa á incorporación plena das mulleres na historia, na ciencia, na arte, nos medios de comunicación, nas formas da fala e na Galicia interior e exterior, a través de informes, recursos e materiais que non asuman representacións tópicas, idealizadas ou ideoloxizadas da “muller galega”, senón que reflictan as realidades plurais vividas por elas.