NOTICIA

----

Profesionais alertan da diminución do interese da poboación polas noticias

“O 38% da poboación mundial fuxe das noticias nalgunha ocasión e a desinformación, xunto coas noticias falsas e a información incorrecta, son hoxe o risco da intoxicación informativa”. Así o expresou o catedrático Emili Prado (Cospeito, 1953) na xornada “A información no mundo da posverdade” coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) abre o foro Pensar o mundo dende Galicia, co que a institución celebra o seu 40 aniversario. A presidenta, Rosario Álvarez, destacou na inauguración que este foro constitúe “un acto de demostración da nosa confianza nas posibilidades que temos como colectivo, como comunidade”. Así mesmo, recalcou o vencello desta actividade co labor do CCG de “promocionar elementos con que poder deseñar estratexias que nos garantan un futuro”. Nesta liña, o vicepresidente do CCG e coordinador do foro, Xosé Manoel Núñez Seixas, engadiu que se buscou responder á inquedanza de “pensar o mundo dende Galicia e concibir Galicia como unha célula de universalidade”.

“O contexto actual é como cando desborda un río”, sinalou o catedrático de Xornalismo Xosé López García, quen apuntou que, se ben a desinformación existiu sempre, “estamos nun momento complexo polas ferramentas tecnolóxicas, pero tamén porque hai unha maior concienciación”. Ademais, reclamou a necesidade de asumir a responsabilidade de loitar contra a desinformación dende tres ámbitos: “o legal, o tecnolóxico e o educativo”. Esta primeira sesión, na que se deron cita expertos e investigadores académicos de diferentes institucións, formulouse cun dobre obxectivo, tal e como subliñou Xosé López: “reflexionar sobre a información no escenario actual” e “contribuír ao debate dende Galicia, que quede claro quen traballa sobre isto e loita contra a desinformación, con formación, con ferramentas e tamén no debate social”.

Da desinformación á posverdade

“O ecosistema comunicativo actual e a desinformación” é o título co que Emili Prado, catedrático de Comunicación Audiovisual na Universitat Autònoma de Barcelona, abriu a xornada. No seu relatorio subliñou que é necesario “entender a desinformación como a consecuencia dun proceso de intoxicación producido polo consumo de información adulterada, de variada tipoloxía”, como poden ser as noticias falsas, a información maliciosa e a información incorrecta. Malia especificar que, se ben “os dous primeiros tipos teñen unha intención deliberada de desinformar con finalidades precisas e o último non”, apuntou que “todos son tóxicos”. Entre esas intencións, destacou a de “condicionar a toma de decisións a favor dos intereses de quen as xera, conseguindo unha adhesión fundamentada na convicción de estar actuando sobre a base dunha información veraz”. No caso daquelas informacións incorrectas, mencionou “a diminución da calidade no proceso produtivo” ou “a neglixencia na verificación e a lóxica da inmediatez” como algúns dos principais motivos da súa existencia.

Remedios Zafra Alcaraz, científica titular no Instituto de Filosofía do CSIC, abordou “a erosión de esferas características de Internet e o seu uso capitalista favorecen contextos para a posverdade”, e os riscos democráticos derivados diso. “A posverdade transita polo territorio esvaradío das mentiras que aparentan ser verdade valéndose das emocións e da instrumentalización dos medios con dinámicas características da cultura-rede, como a caducidade, o exceso e a celeridade que converten a información precaria en ruído”, subliñou. A velocidade que impera “nunha sociedade de mercado que recompensa a rapidez con likes e evaluacións positivas” favorece que á información “se acceda máis como imaxe que como texto, máis como impresión ou como surfeado, que como lectura pausada ou reflexión tranquila”. Cando o pensamento está sometido a esa presión, “tende a caer no previsible, no prexuízo ou na idea preconcibida”, apuntou Zafra, quen reclamou que “as ideas novas, as que propoñen un cambio, as complexas, as que precisan sosterse no coñecemento científico precisan algo máis de tempo para comprender mellor, para empatizar ou para desenvolver un pensamento propio”.

“A polarización e a instrumentalización da cidadanía son os riscos que a precariedade e a posverdade teñen para a democracia” apuntou Zafra quen, a modo de conclusión, sinalou algúns dos mecanismos posibles para loitar contra esta situación. Entre eles, reclamou a necesidade de garantir “espazos de información non precaria, fiable, contrastada, mantida por traballadores non precarios”; de fomentar “contextos para a dialéctica argumentada, o acceso a opinións distintas, ao disentimento e á comprensión, fronte ao debate rápido con titulares efectistas”, e un “espazo público e tecnolóxico non mercantilizado”. Así mesmo, reivindicou o “dereito á desconexión, á intimidade e á vida pública”, para o que é preciso a regulación das redes, e a necesidade de crear “conciencia social e informativa desde unha renovada educación que non subestime o valor da ética, das humanidades, o pensamento lento”. Por último, Zafra sinalou que é imprescindible darlle un maior protagonismo á ciencia pública e aberta, xa que isto será o que alente a procura de verdades racionais e fundamentadas. “Os maiores logros de igualdade e liberdade da humanidade conseguíronse naqueles momentos de busca da verdade a través da razón e do pensamento”, subliñou, para concluír que “a verdade axuda á igualdade e á xustiza social”.

Na sesión da tarde, desenvolveuse a mesa de debate “A loita en contra da desinformación. Achegas de proxectos en execución”. Nela, expuxéronse os resultados das principais investigacións que se realizaron nos últimos anos arredor do fenómeno da desinformación e propuxéronse diferentes accións para combatela. A mesa estivo moderada por Xosé López e contou coa participación de Clara González Tosat, da Universidad de Navarra; María Isabel Míguez González e Xosé Rúas Araújo, da Universidade de Vigo, e Carlos Elías Pérez, da Universidad Carlos III de Madrid.

A sesión, que se retransmitiu en directo, foi gravada e está a disposición da cidadanía na nosa hemeroteca para futuras consultas.