NOTICIA

----

A entrada do actor Xosé Manuel Olveira, “Pico”, incorpórase ao Álbum de Galicia

Xosé Manuel Olveira, “Pico” (Esteiro, Muros, A Coruña, 1955 – Santiago de Compostela, 2013), destacou pola súa ampla traxectoria nas artes escénicas e no audiovisual. Apaixonado do teatro pola súa maxia insubstituíble, segundo el mesmo recoñeceu, participou en numerosas obras teatrais, así como en filmes de diferente metraxe. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Ana Abad de Larriva.

Nado en Esteiro, Xosé Manuel Olveira Gallardo, “Pico”, tivo o seu primeiro contacto co teatro cando era un rapaz. Ao rematar COU, a súa intención era a de estudar Arte Dramática, para o que debía trasladarse a Madrid. Porén, debido á situación económica familiar, o desexo de Pico non puido materializarse. Comezou entón a estudar Maxisterio en Santiago, cidade en que pronto procurou un lugar onde facer teatro. Alí uniuse ao grupo Ditea, do que formou parte mentres cursou a carreira, e, ao remate desta, “fixo o servizo militar, casou e estivo a traballar como cantante de orquestra ata que marchou a Nova York para dedicarse á construción”, explica Ana Abad.

De volta en Galicia, uniuse novamente a Ditea. En 1985, Chano Piñeiro, co que xa traballara en Os paxaros morren no aire (1977), chamouno para protagonizar a súa mediametraxe Esperanza (1986) xunto con Rosa Álvarez. Foi a propia Rosa quen animou a Pico a presentar o seu currículo no Centro Dramático Galego (CDG), dirixido por Ernesto Chao, e, malia que os elencos do CDG xa estaban pechados, Xulio Lago viu o seu currículo e chamouno para facerlle unha proba para A noite vai coma un río (1986). Finalmente, Pico conseguiu o papel do Capitán naquela obra, após a cal virían moitas máis interpretacións no CDG. Participou, por exemplo, en A pousadeira (1987), de Goldoni, baixo a dirección de Xan Cejudo; O mozo que chegou de lonxe (1988), de Synge, con dirección de Mario Gas; O arce no xardín (1989), de Roberto Salgueiro, dirixida por Roberto Cordovani, ou, máis recentemente, As actas escuras (2010), de Roberto Vidal Bolaño, dirixida por Xulio Lago. Ademais, no seo do Centro Dramático Galego, puxo tamén voz a un dos monicreques en O mariscal (1994), de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte, baixo a dirección de Marcelino de Santiago, “Kukas”.

“Porén, Pico, que destacou como un actor dunha gran versatilidade, capaz de transitar con habelencia entre a comedia e o drama, e posuidor dunha presenza física e vocal que axiña cativaba o público, tamén traballou con compañías privadas”, subliña na súa entrada Ana Abad de Larriva. Entre elas, figuran grupos como Uvegá Teatro, O Moucho Clerc, Teatro do Aquí, Os monicreques de Kukas, Teatro de Adro, Eme2 ou Lagarta, Lagarta. Así mesmo, participou nalgunhas pezas de teatro radiofónico na Radio Galega.
No eido audiovisual, Pico actuou en numerosas longametraxes, mediametraxes e curtametraxes, como, por exemplo, na curta documental Profesión actor (2010), unha produción do Consello da Cultura Galega coa dirección de Marcos Estebo. Ademais, “foi un rostro habitual e recoñecido da televisión galega”, apunta Ana Abad, que destaca a súa participación en series como Os outros feirantes ou Pratos combinados e en programas de televisión como Zapping Comando ou Tourilandia.

Entre os recoñecementos que recibiu, gañou tres Premios María Casares ao mellor actor protagonista (1999, 2002 e 2012) e outro ao mellor actor secundario (2000), e obtivo os premios de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva (2008) e o da Crítica de Galicia na modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais (2012). A título póstumo, recibiu o recoñecemento como Xograr de Outono do FIOT de Carballo en 2013 e o Premio de Honra Marisa Soto nos Premios María Casares de 2014. Presidente da Academia Galega do Audiovisual entre 2009 e 2011, Pico obtivo tamén dous Premios Mestre Mateo á mellor interpretación masculina de reparto por Os mortos van ás présas (2009) e Retornos (2010).

Álbum de Galicia

En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 660 entradas, das cales as máis recentes son as de Suso Vaamonde, Manuel Rodríguez Alonso, Juan Antonio Saco Arce e Paz López Facal.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.