----

Convocado o VI Premio Luís Porteiro Garea

A Universidade de Santiago de Compostela convoca o VI Premio Luís Porteiro Garea, que lembra a figura do profesor e membro das Irmandades da Fala, quen o 16 de setembro de 1915 pronunciou a primeira lección en galego na Universidade de que se ten constancia.

Con este galardón, que ten carácter de distinción pública, quérese recoñecer o traballo de persoas, entidades ou colectivos que traballan a prol do uso do galego na universidade. O prazo para presentar as candidaturas desta sexta edición remata o 30 de abril de 2023.

Os premios entregaranse nun acto protocolario que se desenvolverá na USC no mes de setembro de 2023, coincidindo co aniversario da lección do profesor Porteiro Garea.