NOTICIA

----

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora 51 números da revista A Nosa Terra

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora 51 números da cabeceira A Nosa Terra. Editada pola Irmandade Galega de Bos Aires entre os anos 1942 e 1972, a publicación, de carácter político, tiña como fin principal informar dos propósitos dos grupos nacionalistas de Bos Aires e América. Ademais, tamén se incluían novas sobre a situación da colectividade e de Galicia. Os exemplares dixitalizados que se agregan neste mes de marzo pertencen a diversos exemplares publicados entre os anos 1944 e 1972 e, malia que a maioría deles están depositados no AEG, tamén se incorporaron algúns cedidos por Xosé María Rei Lema do fondo de Roberto Veloso, cuxo orixinais se conserva na Biblioteca de Baio.

En 1942, a Irmandade Galega de Bos Aires empezou a editar na capital arxentina A Nosa Terra. Porén, o número 425 recollía a información de que o antigo Grupo Galleguista xa editara con anterioridade dous exemplares deste xornal en Bos Aires. A cabeceira retomaba o título da publicación do Partido Galeguista, da que é continuadora, así como o seu marcado carácter político e a súa ideoloxía nacionalista. De feito, entre os seus obxectivos principais estaba o de informar acerca dos propósitos dos grupos nacionalistas de Bos Aires e de América e dar conta das actividades que levaban a cabo. Tamén incorporaba diferentes novas sobre a colectividade emigrada e sobre a situación política e social de Galicia.

De periodicidade irregular e extensión variable, o xornal empregaba como lingua o galego, aínda que algúns artigos de opinión aparecen traducidos ao castelán. Entre os seus colaboradores figuran nomes como Avelino Díaz, Ánxel Fole, Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane, Manuel María, Ramón Otero Pedrayo ou Castelao. A este último dedicóuselle un número especial, o 474, publicado en xullo de 1950. Nel, xunto cunha crónica da súa vida e do seu falecemento e enterro, incluíronse as homenaxes que lle fixeron numerosos persoeiros tanto da colectividade galega exiliada como da terra nai. Xunto con este especial sobresae o número 433, datado de decembro de 1944, no que se recolle a acta de fundación do Consello de Galiza.

As ilustracións eran escasas e, cando se incluían, adoitaban ser fotografías de actualidade que complementaban os artigos publicados. Ademais, tamén se poden ver entre as súas páxinas algúns retratos de personalidades galeguistas. A publicidade era igualmente escasa e os poucos anuncios que se agregaban pertencían a establecementos comerciais propiedade dos emigrantes.

O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.