NOTICIA

----

Os inicios da música escénica en Galicia analízanse nunha xornada que tamén pon en escena a tonadilla Los gustos estragados

A Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá, 21 de marzo (17:00 horas), a xornada Os inicios da música escénica en Galicia. Nela representarase a tonadilla escénica de Melchor López Los gustos estragados, a única que se conserva das que foron compostas en Galicia. Antes da representación haberá unha mesa redonda, na que intervirán Montserrat Capelán, Javier Gándara e Joám Trilho. A actividade está coordinada pola propia Montserrat Capelán e por Cristina Domínguez Dapena. Ademais, conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais, do Centro Dramático Galego e do grupo de investigación Organistrum da Universidade de Santiago de Compostela (USC). As prazas están esgotadas, pero as intervencións poderán seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais da institución.

Analizar os inicios da música escénica en Galicia e toda a importancia que esta tivo como manifestación de elementos identitarios é o obxectivo desta xornada, que se divide en dúas partes. Na primeira, desenvolverase a mesa redonda “Os inicios da música escénica en Galicia”, que contará coas intervencións de Montserrat Capelán, profesora da área de Música do Departamento de Historia da Arte da USC e coordinadora do grupo de investigación Organistrum; de Javier Gándara, investigador predoutoral de Música na USC, e do compositor e director de orquestra Joám Trilho.

A continuación terá lugar a representación da tonadilla escénica Los gustos estragados na voz das sopranos Esperanza Mara e Aida López Carrera e mais do barítono David Montoto Pintos. Ao fortepiano estará Rosalía Gómez Lasheras, mentres que o espazo escénico será responsabilidade de Carlos Alonso. A obra, composta en 1799 con música do mestre de capela da catedral de Santiago Melchor López e letra do escritor e intelectual español Tomás de Iriarte, foi creada para ser representada como teatro “doméstico”. Iso explica o feito de que Melchor López a compuxese para tres voces e fortepiano, en lugar de escribila para voces e orquestra, como era habitual.

A importancia de rescatar esta obra reside en que Los gustos estragados é a única tonadilla que se conserva das compostas en Galicia. Ademais, foi creada no edificio que hoxe é a sede do Consello da Cultura Galega e que, no século XVIII, albergaba o seminario en que residía o compositor. Este probablemente foi tamén o lugar que acolleu a súa estrea, polo que a interpretación desta obra no CCG coincidiría co emprazamento onde se tería executado a súa primeira representación.

Asemade, Los gustos estragados destaca porque é unha das escasas composicións que foron concibidas para seren representadas de forma “doméstica” en todo o mundo hispano. Ademais, é tamén unha das poucas que se fixeron seguindo os criterios propostos na Reforma do Teatro de 1799, o que deixa constancia do carácter pioneiro de Santiago de Compostela como centro de aplicación das últimas novidades. A nivel técnico, Melchor López decidiu intercalar unha muiñeira nas habituais seguidillas coas que adoitaba rematar o xénero, polo que foi quen de introducir elementos identitarios para facer a súa propia versión “galeguizada” da tonadilla escénica.

A Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais (CCG)
Esta xornada está organizada pola Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega, coordinada por Cristina Domínguez Dapena e na que figuran como membros Eduardo Alonso Rodríguez, Natalia Balseiro, Montserrat Capelán, Carlos Vizcaíno Fernández, Beli Martínez, Ramon Pinheiro Almuinha e José Manuel Sande García. Xunto con esta actividade, a Sección organiza tamén o ciclo Dramaturxias itinerantes coa vontade de achegar un maior coñecemento sobre a escrita teatral máis contemporánea de Galicia e Portugal.