NOTICIA

----

María Xosé Porteiro aborda contradicións da democracia no ciclo Pensarmos

“A perplexidade democrática” é o título da nova sesión do ciclo Pensarmos, na que a escritora e xornalista María Xosé Porteiro falará de contradicións que se producen na democracia, da situación das mulleres en diferentes partes do mundo e de como a tecnoloxía mudou as relacións entre a cidadanía e os gobernos. Na sesión contará coa réplica de Luisa Martínez, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia. A sesión, organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG), que coordina Celia Pereira, é presencial (xoves 23, 18:00 horas), pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais da institución.

María Xosé Porteiro abrirá o seu relatorio cunha panorámica xeral da situación da democracia en diferentes partes do mundo, que servirá para poñer de manifesto as múltiples contradicións que existen nos sistemas actuais. Posteriormente fará un percorrido pola situación das mulleres nas diferentes democracias e rematará cun repaso histórico sobre como as ferramentas tecnolóxicas influíron na propagación e implantación das ideas, con especial énfase na situación actual.

As participantes

María Xosé Porteiro (Madrid, 1952) é licenciada en Publicidade, xornalista e escritora. Participou en política (PSdeG) entre 1987 e 2019: concelleira en Vigo, deputada autonómica, parlamentaria nas Cortes españolas, membro das asembleas parlamentarias do Consello de Europa e da Unión Europea Occidental e delegada de Galicia no Exterior. Interveu en foros internacionais como o IV Cumio das Mulleres, que tivo lugar en 1995 en Beijing, ou Take Back America, no ano 2007 en Washington, no que se presentaron as candidaturas de Barack Obama e Hillary Clinton. Tamén foi observadora electoral en Venezuela, Líbano e Bosnia. Ten a Encomenda ao Mérito Civil «pola súa contribución á política exterior española». Desde 1981 vén publicando narrativa e ensaio. En Quen é quen no primeiro Parlamento Galego (Edicións Xerais, 1981) relata a creación do Parlamento galego e en Celso Emilio Ferreiro, compañeiro do vento e das estrelas (Akal, 1982) fai unha biografía do poeta. Nunha recente novela, Sándalo (Galaxia, 2019), aborda a mestizaxe cultural e a historia compartida entre Galicia e Cuba. No Consello da Cultura Galega dirixiu o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF). Na actualidade é adxunta á Valedora do Pobo.

Luisa Martínez Lorenzo (Ceuta, 1970) é doutora en Ciencias do Mar e responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia desde 2008. Ten unha ampla experiencia no desenvolvemento de accións que achegan a ciencia á cidadanía e, como relatora, en cursos e xornadas vinculadas á comunicación social da ciencia. É autora e ilustradora de dous álbums informativos, dúas pezas teatrais e varias curtametraxes. Desde 2019 dirixe a colección de divulgación Lanterna de Aristóteles (Galaxia). Foi artista e divulgadora residente do proxecto Cartografías líquidas (Centro Cultural de España no Salvador, 2022). Pertence á Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (desde 2020) e á Asociación Galega de Comunicación da Cultura Científica e Tecnolóxica (desde 2011).

Pensarmos

En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo Pensarmos, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas coa que se busca abordar os problemas da actualidade. Todas as citas deste ano 2023 xirarán arredor da calidade da democracia. Anteriormente, a posverdade, os fascismos dixitais, as tecnopersoas, a precarización da vida, a perda de liberdades, a deterioración medioambiental ou o poshumanismo foron algúns dos temas que se trataron no marco deste foro, polo que pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes como, por exemplo, Maggy Barrère, Javier Vilanova, Belén Gopegui ou Juan Jacinto Muñoz-Rengel, por citar algúns dos máis recentes. Todas as intervencións están gravadas e, salvo desexo expreso dos autores, pódense consultar a través do sitio web institucional ou na nosa canle de YouTube.

Sección de Pensamento

Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, coordinada por Celia Pereira Porto e que ten como membros a Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Francisco Xosé Fernández Naval, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Luisa Martínez Lorenzo, Xoán Antonio Pérez Lema e Juan Tallón. Ademais do ciclo Pensarmos, a Sección organiza periodicamente outras actividades, entre as que destacan a revisión de figuras relevantes no mundo do pensamento e a análise da conexión que tiveron con Galicia persoeiros como Martin Heidegger, Simone Weil, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.