----

O especial Historias de ida e volta documenta o labor das asociacións microterritoriais galegas creadas en Cuba

O movemento asociativo daqueles galegos e galegas que emigraran alén mar agromou nas primeiras décadas do século XX. Foi nese momento cando en países como Arxentina ou Cuba se empezaron a establecer numerosas sociedades microterritoriais coas que os emigrantes buscaban fomentar o progreso e mellorar as condicións de vida nas súas localidades natais. O novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, amosa en vinte imaxes e documentos algúns dos fitos acadados por estas sociedades de emigrantes galegos en Cuba.

A solidariedade e a empatía dos e das emigrantes galegas fronte ás adversidades que atopaban os seus compatriotas nos países de acollida fomentaron a posta en marcha de asociacións étnicas de diversa tipoloxía. Ademais da fundación de centros asistenciais e benéficos, a partir do último terzo do século XIX os grupos de veciños asentados na outra beira do Atlántico solicitaron o apoio económico a través da prensa da colectividade para contribuír ao desenvolvemento das súas localidades de orixe. “Fomentábase así a unión da emigración orixinaria dun determinado lugar, parroquia, municipio ou comarca para enviar remesas coas que cubrir necesidades puntuais ou mellorar algúns aspectos da vida cotiá dos seus paisanos”, subliña a nova entrega de Historias de ida e volta.

A primeira sociedade de ámbito local constituída como tal fundouse na Habana en 1904 baixo o nome de Alianza Aresana de Instrucción e, a partir do seu exemplo, empezou a crearse unha mesta rede de asociacións microterritoriais que tiñan como obxectivo “fomentar o progreso do terruño”, afirma o especial. “Para iso dedicáronse a construír e manter centros de ensino, promover melloras na atención sanitaria ou nas redes de comunicación e saneamento…, sen esquecer o apoio ao agrarismo e á loita anticaciquil”, continúa.

Precisamente, a creación dunha escola de instrución elemental na vila de Ares foi un dos propósitos de Alianza Aresana de Instrucción. O balance semestral da xunta directiva, no que se proporcionan algúns detalles relativos á creación do centro escolar, forma parte dos documentos que se inclúen na entrega “As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba”. Así mesmo, a creación e mantemento de centros de ensino foi tamén unha prioridade para outras sociedades étnicas, como a Sociedad de Instrucción Unión Barcalesa; a sociedade Pila Ancha, renomeada en 1929 como Sociedad de Instrucción y Beneficencia Hijos del Ayuntamiento de Cerdido, ou a Sociedad de Instrucción Progreso de Coles. O especial incorpora diferentes fotografías que amosan os membros das directivas ou dos socios vinculados a estas agrupacións. Pola súa banda, a Sociedad de Instrucción, Protección y Recreo Unión Trivesa financiou, a petición da veciñanza da parroquia, unha fonte e un lavadoiro públicos que foron inaugurados en 1933, tal e como se recolle na nova entrega do especial.

A protección dos asociados que estivesen en risco social ante unha enfermidade ou que necesitasen ser repatriados a Galicia foi tamén unha cuestión á que atenderon algunhas sociedades. Foi o caso, por exemplo, da Sociedad Unión de Baleira ou de Hijos del Distrito de Sarria, Sociedad de Beneficencia y Protección Mutua. Mentres, a Sociedad de Instrucción, Beneficencia y Recreo Hijos del Partido de Lalín, seguindo os pasos da súa homóloga antecesora en Arxentina, optou por axudar non só aos seus socios emigrados, senón tamén aos veciños da parroquia que estivesen enfermos, para o que financiou a construción dun hospital-asilo en Lalín.

A recadación de fondos necesaria para pór en marcha estas obras filantrópicas realizábase mediante a celebración de festas e xantares que servían, ademais, para reforzar a interacción social entre os emigrados e emigradas. No especial inclúese o programa da “Gran Jira”, un festexo organizado polo Círculo Habanero de La Devesa e no que se recreaban as tradicións galaicas con bailes, alimentos e bebidas típicas de Galicia. A música estaba moi presente neste tipo de celebracións e tamén era o elemento definitorio doutras actividades festivas e culturais, como por exemplo o da rondalla que formaron os emigrantes da comarca de Ferrol residentes na Habana, coa que realizaron numerosas actuacións no seo da colectividade galega da capital cubana.

A entrega número 27 de Historias de ida e volta compleméntase con outros documentos que ilustran o movemento asociativo, como o recibo que o Centro Galego da Habana emitía polo cobro do alugueiro das súas instalacións ou o carné que acreditaba a pertenza a unha asociación. Así mesmo, tamén se inclúen imaxes que amosan como eran tanto as asembleas xerais como as xuntanzas de camaradería dos socios e socias destas entidades.

O proxecto Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer aqueles materiais que documentan o fenómeno migratorio. En máis de 20 entregas documentáronse os procesos de saída e chegada, a vida social e cultural, etc., para, deste xeito, explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.