NOTICIA

----

Rosario Álvarez reivindica a convivencia cultural e lingüística no IX Congreso Internacional de la Lengua Española

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, participa no IX Congreso Internacional de la Lengua Española, que arrincou este luns en Cádiz. No marco desta cita defenderá a convivencia entre as linguas ibéricas e reivindicará a importancia do multiculturalismo. De maneira complementaria, a presidenta inaugurou esta mañá na Facultade de Filosofía e Letras da Universidad de Cádiz, xunto co seu reitor, Francisco Piniella Corbacho, a mostra Inventio Mundi, coa que o CCG amosa os inicios da navegación galega.

A presidenta Rosario Álvarez participará este martes (18:00 horas) no programa do IX Congreso Internacional de la Lengua Española, organizado pola Real Academia Española, a Asociación de Academias de la Lengua Española, o Instituto Cervantes, o Ministerio de Asuntos Exteriores e o Ayuntamiento de Cádiz. Faino na mesa titulada “Las relaciones entre las lenguas ibéricas. Mestizaje y factores culturales”, que preside Nelson Vásquez, que coordina José Manuel Blecua e na que participan Jon Kortazar e Carme Riera.

Na axenda do congreso está previsto que a presidenta participe nun encontro cos dirixentes do Institut Ramón Llull, Pere Almeida, e do Etxepare Euskal Institutua, Irene Larraza, así como co director da Real Academia Española, Santiago Muñoz Machado, para abordar a convivencia e a diversidade lingüística.

Ademais, o CCG propiciou a participación de Baiuca no concerto que organiza o Instituto Cervantes e Radio 3 (xoves 30: 21:00 horas) na sala Momart de Cádiz. Unha cita aberta ao público que pretende amosar a riqueza musical nas linguas oficiais no que tamén están Izaro, Mishima, Ángel Stanich e Jorge Drexler. É de entrada libre e emitirase en directo en Radio 3.

A mostra
De maneira paralela, o Consello da Cultura Galega contribúe a amosar a riqueza cultural de Galicia coa mostra Inventio Mundi, que inauguraron hoxe a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o reitor da Universidad de Cádiz (UCA), Francisco Piniella, na Facultade de Filosofía, coa presenza do decano desta facultade, Arturo Morgado; da súa vicedecana de Estudantes e Relacións Institucionais, Mar Barrientos; do vicerreitor de Cultura, Jacinto Porro; do director da Área de Biblioteca, Arquivo e Publicacións da UCA, Jesús Fernández; de Víctor Freixanes, presidenta da Real Academia Galega (RAG); e da historiadora Pilar Cagiao, que fixo un percorrido guiado.

A mostra, que poderá verse na cidade andaluza ata o 12 de abril, recolle unha parte da historia de Galicia que é pouco coñecida e da que existen escasos documentos e materiais. Comisariada por Ofelia Rey, explica en pouco máis de trinta paneis unha historia da navegación galega que arranca no interese comercial coas illas Molucas e remata no século XVII, cando mudan as formas de navegación. A mostra xestouse en 2019, no quinto centenario da saída da expedición Magalhães/Elcano que completaría a primeira circunnavegación do planeta, para amosar como este feito afectou a Galicia. Inaugurouse no Museo de Pontevedra e logo iniciou a súa itinerancia.

O relato da navegación galega comeza coa epopea de Magalhães, que descubriu unha nova ruta para ir ás illas Molucas, a das especias, pero sen ter que pasar polos territorios adxudicados a Portugal no Tratado de Tordesillas (1494). Como é sabido, Magalhães morreu na ruta, pero regresou Elcano, quen tentou explorar esa nova ruta. Por aquel entón Carlos V non tiña interese en reforzar o comercio de Sevilla con América e aproveitou as circunstancias políticas para crear na Coruña unha casa de contratación (da que non queda resto ningún). Iniciouse así un intento de explotar o mercado con América desde Galicia. Esa nova vía político-marítima concretaríase nun proxecto de colonización e cinco expedicións, das que só se fixeron catro.

A exposición dá conta desas catro viaxes, do tipo de embarcacións empregadas e dos nomes propios dos seus promotores e executores. “As expedicións foron un auténtico fracaso en canto ao que se pretendía perseguir: abrir unha vía de comercio coas Molucas sen ter que depender de Portugal; nas que morreron moitísimos homes, moitos deles galegos, e nas que non se obtivo ningún beneficio”, explica Ofelia Rey.
A primeira das expedicións tivo lugar en 1524, cando saíu do porto da Coruña a carabela Anunciada. Á fronte estaba Estevão Gomes, que buscaba un paso entre o Atlántico e o Pacífico para abrir deste xeito unha alternativa ás Molucas polo norte. Aínda que fracasou no seu intento, percorreu a costa americana desde Terranova —a Terra dos Bacallaus— ata Florida.

A segunda foi a de García Jofre de Loaysa, que arrincou o 24 de xullo de 1525 seguindo a ruta tradicional. Malia que saíu unha armada de sete naves, once anos despois só dúas ducias de superviventes regresaron a Europa.

En 1527 saíu desde o cabo Fisterra a terceira das expedicións, con tres barcos capitaneados por Diego García de Moguer, un experimentado mariño. Nunca chegou ao seu destino, acabou explorando o río Paraná e Paraguai e volveu a España por Sevilla sen cumprir o seu mandato.

A cuarta e última expedición foi a de Simón de Alcazaba, navegante portugués ao servizo da coroa de Castela. En palabras da comisaria, “foi un fiasco mesmo antes de partir porque este navegante aproveitou todo o seu mando para defraudar a Facenda”.

Nesta historia da navegación sobresaen varias figuras galegas, como a de Fernando de Andrade (1477-1540), home chave e sempre presente nos proxectos que relacionaron Galicia coa empresa oceánica. Outro nome que ter en conta é o de Gómez Pérez das Mariñas, que tivo importantes iniciativas náuticas no Pacífico. E, por suposto, destaca Sarmiento de Gamboa, que foi moi prolífico en relatos de alto interese histórico e unha figura fundamental para entender a cartografía posterior.

A mostra tamén recolle como esa historia da navegación chegou ata os nosos días a través do imaxinario popular e da nosa literatura. Na literatura galega medieval, o Atlántico é o Mar Maior, cantado por Paio Gómez Chariño, o poeta almirante sepultado na igrexa de San Francisco de Pontevedra, a Boa Vila, porto importante aínda a finais do século XV. Pero hai máis: a historia do Colón pontevedrés ou o Fernando de Magalhães que naceu na aldea de Magaláns, na mesma ría. Na literatura contemporánea aparecen obras como O triángulo inscrito na circunferencia de Víctor Freixanes, entre moitas outras achegas. Unha conexión que tamén está presente na mostra.