NOTICIA

----

A biografía de María Teresa Miras Portugal incorpórase ao Álbum de Galicia

A nova entrada do Álbum de Galicia incorpora unha científica que destacou no ámbito da bioquímica. María Teresa Miras Portugal (Carballiño, 1948 - Madrid, 2021) foi a primeira muller en presidir unha academia asociada ao Instituto de España e os seus estudos dos receptores de nucleótidos no sistema nervioso central tiveron unha gran repercusión nos avances contra doenzas neurovexetativas (nomeadamente a enfermidade de Huntington, o alzhéimer ou a epilepsia). A súa entrada foi redactada polo edafólogo Francisco Díaz-Fierros.

“Era filla de Aurelio Miras Azor e de Esperanza Portugal Careaga. O seu pai era un mestre que foi destinado a Galicia en 1935 e que despois da Guerra Civil cursou a carreira de Dereito, exercendo de avogado no Carballiño. Desde moi cedo inculcáronlle á súa filla o valor do estudo e da cultura así como un interese especial pola natureza”, destaca Díaz-Fierros sobre os inicios dunha muller que comezou os seus estudos de Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela. Rematounos en Madrid, cidade onde casou e viviu a maior parte da súa vida (aínda que sempre mantivo o seu vínculo con Galicia) e onde tamén morreu.

A entrada destaca, verbo dos seus inicios académicos, a súa estadía de catro anos en Estrasburgo, onde realizou a súa tese de doutoramento. Foi un momento no que a neuroquímica despegaba e no que coñeceu “figuras senlleiras da bioquímica, algunhas delas Premios Nobel, como Julius Axelrod, Rita Levi-Montalcini, George Palade, Paul Greengard, Erwin Neher etc.”. Tras doutorarse e recibir os máximos recoñecementos pola Universidade Louis Pasteur de Estrasburgo e pola Complutense de Madrid, María Teresa regresa á capital española para continuar a súa carreira científica e docente.

As súas investigacións foron orientadoras para medicamentos neuroprotectores e neurorreparadores. É autora de 380 traballos de investigación, moitos deles publicados nas revistas máis prestixiosas a nivel internacional. Dirixiu 24 teses de doutoramento e ten 24 patentes rexistradas. Pertenceu a numerosas sociedades científicas e formou parte de múltiples comités científicos e de asesoramento, como os do Club de Roma (2003) e da OTAN (2001-2004). Destaca, pola súa repercusión estatal, a súa presidencia en 2012 da Comisión de Expertos para la Reforma del Sistema Universitario Español (coñecida como Comisión Wert, en referencia ao ministro de Educación, Cultura e Deporte que a promoveu).
“Foi membro de numerosas academias, comezando pola Real Academia Nacional de Farmacia, da que foi presidenta desde 2007 a 2012, sendo nomeada despois presidenta de honra”, afirma Díaz-Dierros, quen, sen dúbida, considera como un dos logros máis salientables ser “a primeira muller presidenta dunha real academia do Instituto de España desde a súa creación no século XVIII”.

Esta carreira científica estivo acompañada de numerosos recoñecementos, como o Premio de Investigación Miguel Catalán da Comunidade de Madrid ou o Premio María Wonenburguer e a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. Algúns dos discursos que pronunciou ao ser homenaxeada forman parte da documentación que inclúe a súa entrada, na que tamén se poden ver algunhas entrevistas que concedeu.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 600 entradas, das cales as máis recentes son as de Chichi Campos e os membros do Seminario de Estudos Galegos.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.