NOTICIA

----

Diferentes especialistas analizan nunha xornada a figura de Martiño de Dumio

Martiño de Dumio, o reino suevo e a cultura galega é o título da xornada que o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este martes 11 de abril e na que destacados especialistas analizarán a figura de Martiño de Dumio e ofrecerán unha visión de conxunto sobre o tempo, a política e a cultura na época en que viviu o intelectual. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, será a encargada de inaugurar esta xornada presencial que tamén se poderá seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.

Martiño de Dumio foi unha figura intelectual de primeira orde nese período cambiante da conformación do reino dos suevos no territorio da antiga Gallaecia romana. Coa xornada Martiño de Dumio, o reino suevo e a cultura, o Consello da Cultura Galega busca explicar e contextualizar o impacto que as súas aportacións tiveron na cultura do seu tempo e da extraordinaria difusión que conseguiu a súa obra na Europa medieval, foi recoñecido e incorporado á cultura galega contemporánea.

A cita comezará coa presentación a cargo de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e de Manuel Gago, coordinador da actividade. A continuación, intervirá o historiador Anselmo López Carreira para realizar un percorrido pola Galicia sueva nun relatorio que leva por título “A formación do reino suevo”. Pola súa banda, José Carlos Sánchez Pardo, da Universidade de Santiago de Compostela, profundará nas conexións internacionais do reino suevo, mentres que o profesor da Universidade da Coruña J. Eduardo López Pereira pronunciará a conferencia “Cultura e pensamento na Gallaecia tardoantiga”. A difusión que o texto Formula vitae honestae tivo na Idade Media será o eixo principal da intervención de Laura Ranero Riestra, da Universidad Complutense de Madrid. Pechará a sesión o profesor e tradutor Xosé Antonio López Silva, que analizará a importancia de Martiño de Dumio e o seu impacto na cultura galega. Após as intervencións, haberá un debate entre os conferenciantes e o público asistente.

A publicación
A xornada chega trala recente publicación do Consello da Cultura Galega Como levar unha vida honesta. Consellos de Martiño de Dumio a Miro, rei de Galicia estivo coordinada por Manuel Gago. O latinista Xosé Antonio López Silva foi o encargado da tradución ao galego da Formula vitae honestae, un compendio de ética natural que Martiño de Dumio escribiu por petición do rei Miro cara ao ano 570 e no que recolle algúns consellos para levar unha vida honesta, tratar a soberbia ou cultivar a humildade. Este texto breve acompáñase, no volume editado polo CCG, dunha serie de artigos contextualizadores asinados polo propio Xosé Antonio López Silva mais por Anselmo López Carreira, Rebecca A. Devlin, José Carlos Sánchez Pardo, J. Eduardo López Pereira e Laura Ranero Riestra. O libro ábrese cun texto da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e péchase con outro a cargo do coordinador da edición, Manuel Gago. A publicación está dispoñible no sitio web institucional do CCG para a súa consulta e descarga.