Cando se fan vinte anos da aprobación da Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, o ciclo In Situ dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural organiza unha xornada sobre a experiencia de Ponte… nas Ondas! O proxecto, que recolle os valores da citada convención, ten como fin preservar, difundir e transmitir o patrimonio inmaterial común que existe entre Galicia e Portugal a través da realización de diversas actividades. Ademais, a iniciativa busca tamén construír unha rede social e institucional que procure o recoñecemento e a afirmación do patrimonio inmaterial galego-portugués no mundo. Debido ao seu labor, no ano 2022 Ponte…nas Ondas! foi inscrito no Rexistro de Boas Prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO. A revisión da súa candidatura, así como das actuacións levadas a cabo no seo do propio proxecto, serán cuestións sobre as que se profundará ao longo da xornada.
O programa
A sesión comezará co relatorio de Santiago Veloso, impulsor de Ponte… nas Ondas!, que nos achegará ao modo en que xurdiu a iniciativa e os motivos que hai detrás da súa posta en marcha. A continuación, Álvaro Campelo, da Universidade Fernando Pessoa do Porto, afondará na candidatura ao Rexistro de Boas Prácticas co Patrimonio Inmaterial da UNESCO, así como nas principais chaves que se teñen en conta para o recoñecemento desta práctica. A análise do patrimonio inmaterial nos espazos fronteirizos será o tema central sobre o que falará o profesor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro Xerardo Pereiro. Após as súas intervencións, os tres relatores participarán na mesa redonda “O futuro dun proxecto compartido”, moderada pola xornalista e escritora María Xosé Porteiro.
O ciclo In Situ dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural
In Situ é un ciclo específico dentro dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural que organiza periodicamente a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega. Posto en marcha no ano 2018, o programa In Situ ten como finalidade analizar diferentes elementos do patrimonio galego no propio contexto xeográfico e social no que estes se atopan. Deste xeito, contribúese xa non só a crear outros espazos de reflexión e debate a maiores da propia sede institucional do Consello da Cultura Galega, senón tamén a evidenciar a necesidade de analizar in situ as diferentes realidades patrimoniais. Os centros de interpretación, o patrimonio industrial e a minaría de volframio ou a situación patrimonial dos balnearios galegos centraron edicións anteriores deste ciclo, que se desenvolveron en Bretoña (A Pastoriza, Lugo), Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense) e Mondariz (Pontevedra), respectivamente.
A Sección de Patrimonio e Bens Culturais (CCG)
Esta cita insírese nunha das liñas de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, coa que se busca fomentar un debate entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor dos bens patrimoniais sobre os que se están a desenvolver actuacións. A Sección está coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e ten como membros a Nieves Amado, Carlos Amoedo, Rosa Benavides, Ana Estévez, Olimpia López, Daniel Lorenzo, Juan M. Monterroso, Teresa Nieto, Ángeles Penas, Francisco Xabier Redondo, Cristina Sánchez-Carretero, Iago Seara, Luisa Serrano e Hortensio Sobrado.