En preto de cen páxinas, o Observatorio da Cultura Galega radiografa as principais características da situación das entidades da cultura no ano 2022. “Un 47,1% das empresas e organismos que compoñen a mostra de estudo aumentou os seus ingresos”, indica o informe, que tamén sinala que o incremento producido en 2022 foi superior ao rexistrado en 2021, pero inferior ao que o propio sector esperaba. As empresas dedicadas á música, ao audiovisual e ao teatro, danza, espectáculos e actividades auxiliares das artes escénicas foron as que máis viron medrar os seus ingresos. Debeuse, na súa maior parte, a un aumento da carga de traballo, que veu acompañado do aumento da demanda. Con todo, 2022 non foi un ano doado, xa que o incremento xeneralizado tamén se notou nos custos de produción. Case a metade das entidades (49,5%) experimentou un aumento dos custos laborais e para un 84,6% incrementáronse os prezos dos aprovisionamentos, isto é, dos materiais e servizos que necesitan. Aínda que un 50,9% procurou non repercutir estas subas sobre os consumidores, un 39,6% tivo que facelo.
O informe explica que as entidades ás que lles foi mellor no ano 2022 foron os museos e as dedicadas a actividades relacionadas co patrimonio, o audiovisual, a música e a educación cultural. Nun termo medio sitúanse as bibliotecas e as entidades relacionadas co teatro, a danza, os espectáculos e as actividades auxiliares das artes escénicas. Por debaixo da media sitúanse a edición de libros e publicacións periódicas e mais as actividades das artes visuais (incluídas a arquitectura, a publicidade e o deseño). Pechan a clasificación as empresas dedicadas ao comercio de libros e publicacións periódicas e ás artes gráficas. Estas dúas últimas atópanse máis próximas a unha evolución neutra, é dicir, practicamente tiveron un ano igual que o anterior. O ano 2022 foi máis positivo para as administracións públicas e as entidades sen ánimo de lucro que para as empresas, e tamén para as entidades máis grandes en termos de ingresos que para as pequenas.
Con respecto ao emprego, 2022 destacou pola estabilidade. Un 68,9% das entidades experimentou esta situación; pola súa banda, as do audiovisual tiveron unha evolución máis positiva e as das artes gráficas, a máis negativa. Para 2023, un 73,8% das entidades non prevé cambios. Ademais, para un 53% das empresas é difícil atopar profesionais co perfil axeitado.
A dixitalización, a publicidade e a comunicación dixital son os principais ámbitos de desenvolvemento para o futuro, seguidos da compra de equipamento técnico e de software. Ademais, a internacionalización é a gran aposta: un 25,5% das empresas e entidades do sector cultural realizou durante 2022 algunha acción dirixida a incrementar a súa produción no mercado internacional, 4,4 puntos máis que en 2021. As actividades empresariais que máis apostan por atraer público e clientela estranxeira son as relacionadas co audiovisual, a edición e mais o teatro, a danza, os espectáculos e as actividades auxiliares das artes escénicas, así como, en xeral, aquelas máis grandes en termos de ingresos.
As administracións e os efectos da súa acción
Os xestores culturais suspenden a actividade desenvolvida polas diferentes administracións, aínda que non na mesma medida. “O Estado é o que leva a peor puntuación (3,42), seguido da Administración local (concellos e deputacións), que recibe un 4,41. A Xunta de Galicia é a que obtén a mellor puntuación (4,67), pero só aproban a súa xestión, ademais das entidades de carácter esencialmente público (bibliotecas, arquivos, museos etc.), as dedicadas ao audiovisual e ás artes escénicas”, detalla o estudo. Os autónomos e os profesionais das artes gráficas foron os máis críticos. Con todo, o sector cultural si recorreu ás ferramentas de apoio das que dispón a Administración: un 43% das entidades enquisadas recibiu algunha subvención (un 4,9% menos que no ano anterior), en maior medida aquelas de maior facturación. A metade das axudas foron por un importe de menos de 10.000 euros, pero as entidades que recibiron axudas relativamente grandes, de máis de 30.000 euros, foron un 5% máis que en 2021. Mentres que dous terzos das administracións públicas e das entidades sen ánimo de lucro recibiron axudas, a proporción descende no caso das empresas (36,6%) e, sobre todo, entre os profesionais autónomos (27,5%). Pola súa banda, un 57,1% das entidades enquisadas coñece os fondos europeos Next Generation, pero só un 12,1% recibiu axudas deste programa. Con respecto aos bonos culturais, un 9,3% das entidades da mostra formou parte destas iniciativas, que teñen unha avaliación, malia excepcións puntuais, claramente positiva.
O estudo tamén analiza as repercusións do Xacobeo, inusualmente prolongando durante un ano máis a causa da situación sanitaria. Existe unha aparente contradición, xa que a maioría asegura que non produciu ningún impacto na súa entidade, pero un 76,1% manifesta que tivo unha repercusión positiva no conxunto da cultura galega. Con todo, o impacto foi diferente por sectores: os dedicados a artes gráficas, teatro, danza, espectáculos e música viron que as súas expectativas non se cumpriron, mentres que si o fixeron as dos relacionados co patrimonio, as artes visuais e o audiovisual. Entre o máis positivo destaca o éxito dos festivais de música (12,5%) e a visibilidade da promoción de Galicia (11,9%), así como a cantidade e variedade da programación e mais o investimento en cultura. O turismo de mala calidade que non realiza gasto en cultura e a masificación foron as principais críticas dun evento que, ademais, “non lle deu prioridade á cultura galega, senón máis ben a artistas foráneos”.
Puntos fortes e débiles da cultura galega
O escaso apoio institucional e a falta dunha política cultural axeitada (33,6%), a suba de prezos e a situación económica xeral (31,3%) e o reducido tamaño do mercado cultural galego coa consecuente escasa demanda dos seus produtos e servizos (30,4%) son os principais puntos febles da industria cultural galega. Pola contra, o talento e a creatividade dos e das profesionais (70,3%) e mais a riqueza do patrimonio cultural galego (61,7%) son valorados como aspectos positivos.