NOTICIA

----

Unha xornada analiza a relación coa morte nas culturas galega e bretoa

“A morte nos fisterras europeos: Bretaña e Galicia” é o título da xornada que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Université Rennes 2 organizan os días 25 e 26 de abril en Santiago de Compostela. A cita é a terceira edición dos encontros Bretaña-Galicia, que nesta ocasión analizan a relación coa morte nestes dous países, onde as tradicións ancestrais conviven con crenzas de carácter relixioso. A partir de enfoques diferentes, recoñecidos especialistas profundarán na cultura da morte e na visión que desta se dá en diversas actividades artísticas, así como no tratamento dos “mortos incómodos” e das grandes traxedias do mundo actual. A xornada é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais corporativas.

Bretaña e Galicia comparten certos paralelismos que fan que, a miúdo, se asocien co fin de comparar as súas sociedades e, en particular, o seu patrimonio cultural. Unha desas semellanzas está relacionada coa visión que teñen arredor da morte. De feito, malia que ambos son países en que arraigou fondamente a confesión católica, a relixiosidade e as crenzas ancestrais aínda ocupan un grande espazo na vida cotiá.

A relación coa morte é un factor esencial para comprender a especificidade relixiosa destes dous territorios, onde persisten crenzas e tradicións que contribúen ás súas respectivas particularidades. Ao mesmo tempo, tamén se fai necesario considerar as mudanzas sociais e culturais que se produciron durante as últimas décadas, xa que estas proporcionaron novas formas de relacionarse coa morte e unha transformación dos rituais.

Co propósito de suscitar olladas comparadas, a xornada propón unha análise arredor de dous eixes: por un lado, a convivencia que se dá nestes dous territorios entre as crenzas ancestrais e a relixión e, polo outro, a adaptación moderna aos novos rituais e o abandono da práctica relixiosa tradicional. En termos xerais, tamén se buscará ponderar o peso que seguen a ter a morte e a relixiosidade na sociedade do século XXI.

O programa
Marcial Gondar será o encargado de abrir este martes (10:30 horas) o encontro co relatorio “A cultura da morte en Galicia como ferramenta terapéutica: dúas mentalidades en conflito”. A continuación, terá lugar un panel presentado por Rebeca Blanco-Rotea sobre a visión da morte a través da arte e das súas diferentes manifestacións. Nel, Catherine Sablonnière profundará no tratamento da morte dende o prisma das producións editoriais da segunda metade do século XX, mentres que Beli Martínez fará o propio dende a perspectiva do audiovisual galego. O panel complétase coa intervención “La mort dans les gwerzioù, d’hier à aujourd’hui”, a cargo de Eva Guillorel, mais a de Christine Rivalan Guégo, que falará da nova expresión editorial das mortes incómodas a partir dos casos de Bugaled Breizh e o das “algas verdes”.

A sesión continuará pola tarde coa conferencia de Cristina Sánchez-Carretero arredor da cobertura informativa das grandes traxedias do mundo contemporáneo. As mortes silenciadas e os mortos incómodos será o tema do panel que se desenvolverá a continuación e que estará moderado por Christine Rivalan Guégo. Nel, Antonio Míguez falará dos mortos de 1936, e Narciso de Gabriel, dos mestres que foron asasinados durante o verán daquel ano. Pola súa banda, Dolores Vilavedra ofrecerá unha perspectiva xeral sobre a representación das mortes incómodas no universo narrativo. Laura Muñoz será quen peche este panel cunha intervención titulada “Antropoloxía física, morte e memoria democrática”.

A xornada do día 26 de abril dará comezo ás 10:00 horas cun panel moderado por Ramón Villares sobre a transformación dos rituais e a concepción dos cemiterios na sociedade actual. Bernard Rio participará por videoconferencia para falar dos mortos taumaturgos e das tumbas de devoción na Bretaña dos séculos XVIII e XIX. Após a súa intervención, Rafael Quintía afondará nos cambios dos rituais funerarios na Galicia contemporánea e o arquitecto César Portela achegará o proxecto de cemiterio civil que deseñou no cabo Fisterra. A sesión rematará cunha conferencia a cargo de Xosé María Lema Suárez, quen fará un percorrido polo patrimonio cultural e natural da Costa da Morte.

Os encontros Bretaña-Galicia
A actividade insírese dentro dos encontros Bretaña-Galicia, que teñen como 0bxectivo principal poñer en relación investigadores dos dous países para analizar, dende perspectivas diferentes, as conexións que existen entre eles. A primeira edición organizouse no ano 2017 en Santiago de Compostela e Mondoñedo, mentres que a segunda tivo lugar en 2019 na cidade bretoa de Rennes. Esta terceira edición regresa á sede institucional do Consello da Cultura Galega (CCG) para continuar promovendo o diálogo entre estes dous fisterras europeos.

Non é a primeira vez que o CCG organiza actividades encamiñadas a analizar as conexións entre Galicia e outros territorios, xa que na traxectoria da institución destacan congresos como “Galicia-Irlanda” ou “Galicia-Finlandia”.

Outras noticias que che poden interesar